Novas

Máis novas

Os fornos de Melide prepáranse para unha nova edición da Festa do Melindre

03/05/2018. Hoxe a alcaldesa de Melide, Dalia García, e o presidente da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez, presentaron aos medios de comunicación unha nova edición da festa máis doce de Melide

MELIDE 3 de maio de 2018.- A XXVII Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide contará cos Hermanos Torres, os cociñeiros xemelgos do programa “Torres en la Cocina” de TVE, coma pregoeiros. Os famosos chefs porán en valor os doces que se exaltan neste evento reposteiro e realizarán un showcooking o sábado 12 de maio ás 19:30h na localidade coruñesa, mostrando así o seu estilo aos fogóns en directo, para todas as persoas que desexen asistir. Así o adiantaba a alcaldesa de Melide, Dalia García, xunto co presidente da Asociación da Repostaría Tradicional Melide Terra Doce, Alberto Rodríguez, aos medios de comunicación na mañá de hoxe, nunha rolda de prensa no salón de plenos.

11 EMBAIXADORES

Coma ven sendo habitual, a festa nomeará tamén aos embaixadores desta edición, que serán o actor da serie Fariña Monti Castiñeiras, a instagramer The Foodie Searcher, o adestrador do Obradoiro CAB Moncho Fernández, o chef Quique Rodríguez, o director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia Pati Blanco, o director da Orquestra de Cámara de Galicia Rogelio Groba, o director do CIFP Compostela Ramiro Esparís, a Asociación Deportiva Cerne, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez, a Directora Xeral de Comercio e Consumo Sol María Vázquez e a Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

PROGRAMA DOCE

O Concello de Melide tamén vén de presentar o programa oficial da festa, que contará cunha feira de produtos artesanais, actuacións musicais a cargo de Cómplices, Miguel Costas, a Banda de Nash, Óscar Ibáñez, Leirabuxo, Froito Novo, a banda de música de Agolada, animación musical de rúa coa charanga BB+, unha sesión vermú a cargo de Petroni amenizada pola artista pop Silvia Penide e o clown Circanelo para os máis pequenos da familia.

Coma pistoletazo de saída, a Festa do Melindre e o Centro de Transfusión de Galicia realizaron unha campaña solidaria de colaboración do 27 ao 30 de abril, recompensando con ricos, un dos doces tradicionais da Terra de Melide, á cidadanía que se achegou a doar sangue en Melide, Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo.

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, que este ano cumpre a súa vixésimo sétima edición, celebrarase os días 12 e 13 de maio na localidade coruñesa, exaltando os ricos, os amendoados e os melindres, as tres elaboracións típicas da zona que confeccionan seis casas de artesáns dende hai máis dun século.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp