- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Aberto o prazo para participar nos Campamentos de Verán da Xunta
03/05/2018. O Concello de Melide, dende a súa Concellería de Xuventude informa aos veciños e veciñas da apertura de prazo para poder participar nos Campamentos de Verán que cada ano pon en marcha a Xunta de Galicia durante a época estival
MELIDE 3 de maio de 2018.- O Concello de Melide, dende a súa Concellería de Xuventude informan aos veciños e veciñas a través das diferentes redes sociais, da radio municipal e da páxina webo do ente local da apertura do prazo das diferentes iniciativas que a Xunta de Galicia pon en marcha para este verán 2018.
A Campaña de Verán 2018 da Xunta de Galicia, baixo a lenda Vive a túa aventura pon a disposición da mocidade galega e das súas familias un recurso de conciliación estival e de ocio educativo de primeiro nivel.
Esta nova acción de verán responde a tres obxectivos principais: favorecer a inclusión dos mozos e mozas con discapacidade e daqueles que estean atravesando unha difícil situación persoal ou familiar; fomentar a mobilidade e o intercambio cultural; así como facilitar a conciliación das familias.
A Campaña de Verán 2018 presenta entre as súas principais novidades o incremento, unha edición máis, do número de prazas ofertadas, que ascende a 9870, 298 máis que na programación do exercicio anterior; así como un maior investimento ata chegar aos 3,2 millóns de euros, o que supón un aumento do 8%. Outras melloras son a incorporación de dúas novas instalacións ás ofertadas en 2017 e a posta en marcha de dúas novas iniciativas para o fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos.
NOVIDADES NA CAMPAÑA
Á listaxe de equipamentos súmanse este verán a Escola de Agricultura Ecolóxica Vilasantar na Coruña, onde se desenvolverá do 2 ao 8 de xullo un novo campamento que permite incorporar á programación a temática do achegamento á agricultura ecolóxica e a posta en valor do medio rural; e o albergue da estación de ferrocarril A Vilavella no concello ourensán da Mezquita, onde se celebrará un campamento de multiaventura.
Ademais, inclúense na campaña deste ano dous campamentos tecnolóxicos que se desenvolverán no albergue de Gandarío, emprazado no municipio coruñés de Bergondo, do 1 ao 8 de setembro e que se dirixe a mozos e mozas de 12 a 14 anos. Os participantes nestas accións coñecerán as ferramentas necesarias para crear animacións de vídeo para representacións nocturnas sobre edificios e achegaranse aos fundamentos básicos que permiten a creación, control, o voo e o funcionamento dun dron.
Os campamentos de verán da Xunta de Galicia teñen un marcado carácter inclusivo ao reservar un centenar de prazas para nenos, nenas e adolescentes en situación de tutela ou garda da Xunta, outras 52 para fillos e fillas de mulleres vítimas da violencia de xénero e 230 para xente nova con discapacidade. Das prazas reservadas para este último colectivo, 60 enmárcanse na convocatoria xeral que realiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e as 170 restantes correspóndense cos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade que dependen da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e cuxa programación completa farase pública pasadomañá venres. Ao respecto desta última convocatoria, as principais novidades fronte a do exercicio anterior son o incremento en 20 prazas e a inclusión dunha nova instalación onde se desenvolverán estes campamentos: a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense; que se suma así á de Panxón, no municipio pontevedrés de Nigrán, e ao albergue de Gandarío.
O programa da Campaña de Verán 2018 contempla os campamentos para nenos, nenas e adolescentes; campamentos noutras comunidades autónomas; as actividades para maiores de 18 anos; a oferta concertada; os campos de traballo e as accións para mozos e mozas descendestes de galegos residentes no exterior. O maior investimento económico na iniciativa permite incrementar o número de prazas en case toda esta ampla oferta.
Así, os campamentos organizados nas instalacións xuvenís da Xunta para menores entre os 9 e os 17 anos de idade ofertan 6483 prazas nun total de 25 albergues e instalacións distribuídos por toda a xeografía galega. Dentro destes campamentos organízanse actividades de ocio educativo e de diferentes temáticas, como actividades náuticas, coñecemento do medio natural, dramatización e expresión cultural, xogos tradicionais ou deportes de multiaventura, entre outras.
Tamén se ofertan outras 315 prazas para que rapaces e rapazas galegos poidan participar en campamentos de intercambio con outras comunidades, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Cantabria. A xente nova destas rexións de España tamén poderán vir a Galicia para participar nos nosos campamentos. Así mesmo, e como vén sendo habitual nas últimas convocatorias, resérvanse 230 prazas para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos.
ABERTA INSCRICIÓN PARA CAMPOS DE TRABALLO
A Xunta de Galicia abre o prazo para que os mozos e mozas galegos se inscriban nalgún dos campos de traballo ofertados pola Consellería de Política Social.
Trátase dunha iniciativa encamiñada a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno a través da colaboración desinteresadas e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países.
Estes proxectos tamén representan unha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecementos e culturas, na práctica de deportes e nas visitas a lugares de interese turístico, histórico ou cultural.
Os campos de traballo en Galicia porán a disposición neste verán 603 prazas para mozos e mozas galegos, do resto de comunidades autónomas e do estranxeiro, así como para voluntarios procedentes da Galicia exterior. Delas, 131 prazas resérvanse para a mocidade galega en primeira convocatoria.
Así mesmo, a mocidade galega poderá asistir a campos de traballo noutras comunidades autónomas e en países como Francia, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Países Baixos, República Checa, Estonia, Letonia, Serbia, Ucraína, Islandia, Rusia, Turquía e incluso de fóra de Europa como Armenia, Camboia, China, Filipinas, Hong-Kong, Xapón, Corea do Sur, Taiwan, Nepal, India e México cunha oferta, en primeira convocatoria, de 128 prazas nas distintas CCAA e 194 prazas no estranxeiro á súa disposición (que tamén se pode ver incrementada en segunda convocatoria). Deste xeito, O número total de prazas para galegos en primeira convocatoria acada, así, as 453.
Galicia contará nesta campaña cun total de 28 campos de traballo nos que se realizarán tarefas de tipo medioambiental, arqueolóxicas, de restauración, culturais e patrimoniais, audiovisuais e tarefas propias da organización dun festival.
CAMPAMENTOS DE VERÁN PARA PERSOAS DISCAPACITADAS
A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, ten abero ata o vindeiro día 30 de maio o prazo de presentación de solicitude de praza para participar nos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade. Nesta edición ofértanse 170 prazas en tres instalacións de diferentes provincias en quendas de 10 días entre o 1 de xullo e o 12 de setembro..
Os requisitos para participar nestes campamentos son, entre outros, estar empadroado nalgún concello de Galicia, ter unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33%, ter unha idade comprendida entre os 11 e 40 anos, non parecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade ou ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que se solicita.
Para máis información visita a páxina web: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran