Novas

Máis novas

Doar sangue terá agasallo doce en Melide e noutras cidades galegas

26/04/2018. O CTG desprázase mañá e pasado a vila para atender aos veciños que queiran doar sangue. Será unha visita especial xa que forma parte dunha campaña conxunta do Concello e o CTG con motivo da celebración da XXVII Festa do Melindre

MELIDE 26 de abril de 2018.-  A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) promove, en colaboración co Concello de Melide, unha nova campaña de doazón de sangue neste municipio mañá  venres e o sábado, coa peculiaridade de que todos os cidadáns que acudan a doar recibirán un obsequi co gallo da próxima celebración da XXVII Festa do Melindre.

Todas as persoas que se acheguen a doar ata a unidade móbil situada no Cantón de San Roque en horario das 10:00 ás 14:00 e das 16.00 ás 21:00 horas do venres 27 e das 10:00 ás 15:00 do sábado 28, recibirán, a cortesía do Concello de Melide, entidade responsable da organización da XXVII Festa do Melindre, un agasallo consistente nun paquete destes tradicionais doces. Idéntico agasallo recibirán as persoas que se acheguen ata as unidades móbiles localizadas no Cantón Pequeno da Coruña, na Praza Maior de Lugo, na Rúa do Paseo en Ourense e na Rúa Príncipe de Vigo o vindeiro luns 30 de abril. Deste xeito, o Concello de Melide agasalla aos doadores e doadoras, ao tempo que promove a difusión da XXVII edición da Festa do Melindre e da Repostería Terra de Melide que terá lugar no municipio coruñés os vindeiros 12 e 13 de maio.

MELIDE, UN DOS CONCELLOS CON MÁIS TAXA DE DOAZÓN

Melide é un dos concellos con maior taxa de doazón, rexistrando 83 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, o que supón acadar unha cifra de 621 doazóns de sangue anuais. Este índice de doazón duplica a media galega e reflexa o carácter solidario e xeneroso dos veciños e veciñas de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp