- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Obradoiros, teatro, música e artesanía na XIV Foliada de Melide
24/04/2018. O Concello de Melide acolleu a presentación da edición XIV da Foliada, nunha rolda de prensa que tivo lugar hoxe no salón de Plenos e onde a alcaldesa de Melide, Dalia García, acompañou aos organizadores do evento, a Asociación O Castelo
MELIDE 24 de abril de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, acompañada de Miguel Varela e Laura Ferreiro, da Asociación Cultural e Musical O Castelo, principal organizadora da Foliada, presentaron en rolda de prensa a programación do evento deste ano.
A alcaldesa melidense amosou o seu agradecemento á Asociación Cultural e Musical O Castelo “polo seu duro traballo para sacar adiante unha programación como a que hoxe nos presentades, chea de novidades e cas últimas tendencias da música tradicional que chegarán a Melide esta próxima fin de semana”. Ao tempo, tamén explicou que “dende o Concello de Melide asinamos un convenio de colaboración que ten unha partida de 4.000 euros, para que, a maiores de axudar con todos os nosos medios técnicos e humanos na organización da Foliada tamén o facemos económicamente”. “Somos coñecedores de que xa existen locais de hospedaxe da nosa vila que non teñen sitio para aloxarse durante esta fin de semana, non podo máis que felicitarvos pola continuidade desta iniciativa que dinamiza económicamente a nosa vila durante a última fin de semana de abril”.
Miguel Varela e Laura Ferreiro, explicaron a programación completa da Foliada 2018 aos medios de comunicación e fixeron especial fincapé na colaboración dos establecementos locais que un ano máis se volcaron coa organización. Miguel Varela, explicaba que “a foliada ten aínda para onde tirar, polo que seguimos con folgos para que cada ano medre máis, sempre tendo presente o obxetivo co que naceu, un encontro entre persoas de todas as idades que poñen en valor a música tradicional con actividades diversas”.
FOLIADA 2018
A Foliada 2018 comezará o venres 27 de abril coa actuación na Casa da Cultura de Bruno Villamor, onde presentará o seu traballo O Gaiteiro de Santo Xusto. Xa durante a xornada do sábado a animación de rúa chegará a Melide para quedar durante todo o día. Celebrarase a décima edición do Concurso de Cantos de Taberna na zona dos viños, diferentes obradoiros, o tradicional serán con grupos da contorna e o peche de xornada poñerano as actuacións de Banda das Crechas e The Turre´s Band.
Durante o domingo, sucederanse diferentes actividades culturais e actuacións musicais así como tamén se entregarán os premios do concurso de debuxo Xente Cativa, co que se pretende involucrar aos máis cativos na festa, tamén está programada unha actuación infantil.
A xornada dominical rematará coa actuación conxunta de Odaiko&Vanesa Muela, unha fusión de música galega e castelá, primicia en Galicia.