Novas

Máis novas

Melide celebra o día do Libro con actividades para a promoción da lectura

18/04/2018. Unha exposición de libros con tamaños especiais e un musical dirixido a toda a familia serán as actividades que se organizan dende o departamento de Cultura do Concello de Melide para celebrar o día do Libro na biblioteca municipal

MELIDE 18 de abril de 2018.- O día do Libro que terá lugar o vindeiro 23 de abril celebrarase na biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor da vila o próximo venres 20 de abril.

Dende o departamento de Cultura do Concello de Melide organizaron diferentes actividades para promocionar a lectura e ao mesmo tempo para rendirle homenaxe aos nosos libros. O venres 20 de abril ás 17.30h a biblioteca municipal acollerá o espectáculo “Fantasía Musical con Jorge e María”, unha iniciativa organizada pensada para realizar en familia xa que está dirixida a nenos dende os 3 anos de idade.

Os participantes poderán asistir a unha festa musical coas letras do abecedario. Un concerto dinámico, con moita interacción co público, onde diferentes personaxes, moi divertidas, van aparecendo con cada canción. Pop, hip hop, rock and roll ou incluso matices de swing mesturados con textos cheos de fantasía para achegar a poesía aos mais pequenos.

EXPOSICIÓN LIBROS CON TAMAÑOS ESPECIAIS

A biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor acolle tamén durante esta semana e ata mediados do mes de maio unha exposición de libros de tamaños especiais: grandes, pequenos e con formas diferentes serán aceptados nesta mostra.

Polo tanto aínda durante esta semana dende a biblioteca Xosé Vázquez Pintor de Melide faise un chamamento especial aos veciños e veciñas da vila para que colaboren con esta exposición que poderá visitarse nas propias instalacións da biblioteca ata ben entrado o mes de maio.

As persoas interesadas en colaborar coa exposición que prepara a biblioteca municipal para celebrar o día do libro tan só teñen que entregar as súas achegas na instalación, libros que serán devoltos unha vez que remate a mostra.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp