Novas

Máis novas

Melide acolle probas de rastro de cans únicas a nivel nacional e internacional

17/04/2018. A organización das probas prevé que cheguen a Melide esta vindeira fin de semana máis de 5.000 persoas entre participantes e acompañantes. A ocupación está case ao completo nas casas de turismo rural, hoteis e pensións da vila

MELIDE 17 de abril de 2018.- A Sociedade de Caza Terra de Melide xunto co Tecor Ulloa e o Tecor A Xuntanza, organizan para esta vindeira fin de semana varias probas internacionais de rastro de cans que terán lugar na nosa vila. Probas únicas en canto á cantidade de xente que se prevé e tamén en canto ao nivel dos participantes europeos que participarán.

As probas foron presentadas na xornada de hoxe no salón de plenos do Concello de Melide por parte de Dalia García, alcaldesa de Melide e Antonio Méndez, principal organizador desta inciativa.

Durante a rolda de prensa, a alcaldesa de Melide, amosou o seu agradecemento a Antonio Méndez polo traballo que leva facendo ao longo de todo o ano e que terá a súa recompensa esta fin de semana, cando “ a nosa vila se encha de xente chegada de Galicia, España e Europa acadando así este ano as probas o grao de internacionais”. Ao mesmo tempo, tamén o animaba a seguir traballando neste camiño “xa que Melide consegue este ano ter probas de carácter nacional e internacional que non existen en ningún outro lugar, enchendo as nosas rúas de xente que coñecerá Melide, o noso patrimonio arquitectónico, a nosa cultura, a nosa gastronomía, son eles os mellores embaixadores da nosa vila”.  “Trátase dunha actividade que é capaz de dinamizar económicamente Melide xa que somos coñecedores de que existen moitas pensións e casas rurais que xa non teñen oco libre para esta fin de semana”, explicaba.

Pola súa banda, Antonio Méndez, principal organizador das probas internacionais en Melide, facía especial fincapé en que “o que sucederá esta fin de semana é unha continuidade das probas que se celebraron xa a fin de semana do 7 e 8 de abril, solo que estas contan con máis participantes e xentes chegadas de lugares a nivel nacional e internacional”. “ Teremos en Melide por exemplo persoas que virán de moitos lugares de Galicia, de España e de Europa, franceses e italianos con afición á caza daranse cita en Melide”, destacaba especialmente “aos irmáns Gutié, moi recoñecidos no mundo cinexético en Francia”.

A organización cifra en arredor de 5.000 persoas ás que se acheguen a Melide durante esta próxima fin de semana, entre participantes e acompañantes. Son moitos os hoteis, pensións e casas rurais da vila que xa non contan con habitacións dispoñibles debido ao alto nivel de ocupación que se prevé para esta vindeira fin de semana.

COPA GALICIA E PROBAS INTERNACIONAIS

Durante a vindeira fin de semana celebraranse as probas da Copa Galicia Terra de Melide. Os días 20 e 21 terá lugar as probas de rastro de coello onde ámbolos dous días se optará a un CACT. O día 22, domingo celebraras o PAN, a Proba de Aptitudes Naturais para os grupos 6,7 de Spaniels e Retreviers e tamén durante a xornada dominical terá lugar a V Copa de Galicia rastro de coello.

Tamén durante a vindeira fin de semana levaranse a cabo outras probas de traballo internacionais para spaniels como con o sábado 21 de abril o CACT caza práctica (sen Abatemento) sobre perdir con proba de cobro de auga e o 22 celebrarase o CACT caza práctica sobre perdir para as proba de aptitude naturais.

CAZATAPAS E OUTRAS ALTERNATIVAS DE OCIO

A maiores das probas de cans de caza internacionais, a organización das probas tamén programou outras actividades complementarias para os familiares, amigos e acompañantes dos participantes así como para os veciños da vila que queiran formar parte desta gran fin de semana con actividade cinexética en Melide.

Por unha banda prepraráronse varias rutas para coñecer a riqueza arquitectónica de Melide e da súa Comarca e rutas de sendeirismo para que os visitantes á vila gocen da paisaxe local.

Outra das alternativas para a vindeira fin de semana é o concurso Cazatapas, que por vez primeira se pon este ano en marcha na nosa vila e que ofrecerá en 17 establecementos locais pequenos petiscos elaborados con produtos da caza.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp