Novas

Máis novas

“Melide en boas mans” pon en valor o tecido empresarial da vila nun documental

16/04/2018. Empresarios melidenses de diferentes sectores déronse cita onte na Casa da Cultura da vila para visionar a peza documental “Melide en boas mans” realizada pola produtora Xurdir que amosa o bo facer do tecido empresarial melidense

MELIDE 16 de abril de 2018.-  A Casa da Cultura acolleu durante a xornada de onte a proxección en primicia do documental “Melide en boas mans”. Crónica dunha vila emprendedora producido pola empresa audiovisual Xurdir. Forma parte así dunha serie de documentais que realiza esta empresa para amosar o tecido empresarial, experiencias similares xa as tiveron en Arzúa, coa peza Arzúa Sabe e en Touro, coa proxección de Novos Tempos.

Durante a xornada de onte, tocoulle a Melide onde se amosou o potencial empresarial co que se conta na vila. Foi nun acto que se celebrou na casa da cultura e que estivo guiado pola alcaldesa de Melide, Dalia García, quen a maiores de recibir aos veciños e presentar aos convidados especiais ao evento, tamén deu conta no seu discurso do “bo facer das distintas persoas que deciden afincar o seu negocio en Melide e emprender unha actividade empresarial. Son eles, os empresarios os que dinamizan a economía da nosa vila e fan de Melide un lugar idóneo para asentarse”.

Durante o acto tamén se puideron escoitar as palabras de Manuel Vázquez, presidente da Asociación de Empresarios, Asetem, quen deu a noraboa a todos os empresarios de Melide por ser o motor económico da Comarca así como tamén fixo un pequeno resumo das actividades que dende a patroal melidense se levan a cabo cada día para dinamizar o tecido empresarial.

Pola súa banda José Luis Antuña, director xeral de Clun, realizou unha ponencia na que retou a Melide e o seu tecido empresarial a seguir traballando como ata o de agora, “de man das persoas traballadoras os proxectos sempre saen adiante”. A ronda de intervencións pechouna Ángeles Vázquez, a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia onde destacou o peso que ten o tecido económico rural desta vila coruñesa e a súa repercusión noutros eidos produtivos. A conselleira destacou a necesidade de seguir apostando por un rural vivo e con diversidade de oportunidades, que o fagan atractivo para os máis novos. Ángeles Vázquez salientou que é preciso igualar as rendas urbanas coas agrarias porque, ao fin e o cabo, Galicia é rural en máis do 98% do seu territorio.

Unha vez rematadas as intervencións, o público procedeu ao visionado do documental onde preto de 40 empresas de Melide de tódolos ámbitos están representadas. O documental pode verse xa a través do enlace da páxina de facebook do Concello de Melide.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp