- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
“Melide informa”, unha APP gratuíta para recibir información municipal
23/03/2018. Melide pon á disposición dos veciños e veciñas dende o día de hoxe unha aplicación móbil na que con só a súa instalación poderán recibir nos seus terminais información municipal actualizada. Dispoñible para dispositivos IOS e Android
MELIDE 23 de marzo de 2018.- O Concello de Melide acaba de poñer en marcha “Melide informa”, unha APP gratuíta para dispositivos móbiles e tabletas que permitirá á veciñanza recibir de forma inmediata toda a información municipal de interese: bandos, anuncios e novas.
A APP pode descargarse xa totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play (buscando polo nome "Melide Informa") para os usuarios e usuarias da plataforma Android ou na App Store (procurar "Bandomovil") para os dispositivos con IOS de Apple. Unha vez descargada esta a aplicación de “Bandomovil” nos móbiles con sistema operativo IOS, bastará con seleccionar “Melide Informa”
“Melide informa” é unha aplicación moi sinxela e está estruturada de forma que o veciño ou veciña poida configurala e usala dacordo coas súas necesidades ou intereses. A primeira é a sección que dá nome á aplicación, “Melide informa”, que enviará á veciñanza notificacións emerxentes e instantáneas aos seus terminais móbiles sobre cinco categorías: cultura e ocio, horarios, servizos, novas e información xeral. Unha información que se complementa cunha axenda de actividades e cunha lista telefónica.
A alcaldesa de Melide, Dalia García, explicaba que se trata dunha aplicación moi sinxela e intuitiva xa que “está estruturada de maneira na que os veciños poidan configurala e empregala no seu día a día para estar ao tanto do que sucede no noso concello”. Engadía que “dende o noso equipo de goberno estamos a facer un esforzo especial na mellora das comunicacións coa nosa veciñanza, temos unha páxina web e perfís nas redes sociais de Facebook e Twitter que se actualizan día a día, e agora esta APP “Melide informa”, son ferramentas que utilizamos de maneira cotiá para que os nosos veciños e veciñas non perdan detalle do que acontece na vila e poidan ser partícipes de todas a cada unha das actividades”.