Novas

Máis novas

A conselleira visita as obras de mellora das vivendas de promoción pública

22/03/2018. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, trasladouse onte a Melide para supervisar as obras de mellora enerxética de 43 vivendas de promoción pública, nas que o departamento que dirixe está a investir preto de 700.000 euros

MELIDE 22 de marzo de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladouse onte pola tarde ao concello de Melide para supervisar as obras de mellora enerxética de 43 vivendas de promoción pública en Melide, nas que o departamento que dirixe está a investir preto de 700.000 euros.

Os traballos que se están a desenvolver nos dous bloques de vivendas construídos pola Xunta na praza José Cándido Paz Ares, programáronse para a súa realización en dúas fases. A principios de marzo comezaron as obras de illamento en 20 vivendas, correspondentes ao bloque de edificios 4, 5 e 6. E esta mesma semana iniciáronse os traballos para a mellora doutras 23 vivendas, neste caso nos números 1, 2 e 3.

A Conselleira, que estivo acompañada polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e a alcaldesa, Dalia García, explicou que os traballos consisten fundamentalmente no revestimento da fachada coa colocación dun sistema de illamento térmico polo exterior dos dous bloques dos edificios, así como na reparación de cubertas ou renovación de luminarias. As intervencións no revestimento dos bloques deste edificio permitirán incrementar, a lo menos nun 20 por cento a súa eficiencia enerxética.

O prazo previsto para a execución das obras e de catro meses, polo que segundo avanzou a conselleira, deberán estar rematadas este verán.

Estas actuacións da Xunta de Galicia están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

SEGURIDADE VIARIA

Ademais de incentivar a recuperación e mellora de vivendas, a Consellería está apostando por outras actuacións de calado no reforzo da seguridade viaria dos veciños de Melide.

Ethel Vázquez lembrou que desde a semana pasada se está traballando na mellora dos pasos de peóns, ampliando beirrarúas e reforzando a sinalización na travesía de Melide (estrada AC-840). Esta actuación, tal e como avanzou, estará listas no mes de abril.

Tamén anunciou que a consellería acaban de licitar as obras de reposición de servizos nesta mesma estrada AC-840, para minimizar os episodios de inundacións que se producen no centro urbano da vila, Intervención que se desenvolverá ao longo de 9 meses e que está previsto iniciarse ao remate do verán.

En definitiva, dixo, actuacións importantes en materia de seguridade viaria e de calidade de vida para os veciños do entorno da AC-840, e que supoñen un investimento de arredor dos 300.000 euros.

CHARLA COS VECIÑOS SOBRE A REHABILITACIÓN DE VIVENDAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda tamén aproveitou a súa visita a Melide para intervir na charla informativa sobre as axudas á rehabilitación de vivendas, na que tamén participaron o delegado da Xunta na Coruña e a alcaldesa.

Ethel Vázquez convidou aos veciños a participar dos principais programas para rehabilitar ou mellorar a súa vivenda.

A xornada dedicou especial atención ao programa “Vivendas no Camiño”, dotado con tres millóns de euros, e de gran importancia para Melide, como un dos núcleos emblemáticos do Camiño de Santiago. Estas axudas, constitúen unha ocasión idónea para a dinamización do rural, un avance na aposta pola excelencia turística e o maior impulso á rehabilitación de vivenda no Camiño de Santiago. Segundo explicaron na xornada, as axudas poden chegar ata 15.000 euros por vivenda.
 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp