Novas

Máis novas

As Asociacións de Mulleres da vila protagonistas na xornada do 8 de marzo en Melide

08/03/2018. Representantes das asociacións de mulleres de Melide e Comarca participaron nun coloquio levado a cabo na emisora municipal xunto coa concelleira de Igualdade e Benestar do goberno local e persoal do Centro de Información á Muller

MELIDE 8 de marzo de 2018.- As mulleres foron as protagonistas durante a xornada de hoxe en Melide. Diferentes representantes de asociacións da vila e da Comarca, tiveron a ben achegarse ata a radio municipal, onde acompañadas da concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide e persoal do Centro de Información á Muller amosaron a necesidade de seguir loitando pola igualdade de dereitos entre homes e mulleres.

Nunha conversa distendida a pé de micro, os oíntes da radio local de Melide puideron coñecer de preto cal é o traballo que desenvolven no seu día a día as asociacións de mulleres rurais da zona así como tamén cales son as súas reivindicacións nun día tan sinalado no calendario como é o 8 de marzo, Día da Muller. Ao mesmo tempo, tamén se deron a coñecer a través da voz da concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, María Jesús López, o traballo que se realiza dende o seu departamento a cotío para concienciar a cativos e maiores a través de diferentes actividades para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. Para finalizar o programa especial na radio local, persoal do Centro de Información á Muller da vila recordou cales son os servizos que se ofrecen para as veciñas da vila.

María Jesús López Mourón, concelleira de Igualdade e Benestar do Concello de Melide, estivo acompañada na mañá de hoxe por Carmen Vázquez, presidenta da Asociación de Mulleres Catasol, Aurora Fernández, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Alecrín, Silvia Míguez e María Gómez, directora e psicóloga do CIM respectivamente.

HOMENAXE ÁS MULLERES RURAIS

Pola súa banda, dentro da programación para a celebración do 8 de marzo, terá lugar unha cea homenaxe ás mulleres rurais, aberta a todas as veciñas de Melide que queiran compartir este acto. Será mañá venres 9 de marzo nun coñecido restaurante da vila, onde as asistentes compartirán unha cea de confraternidade. No trascurso desta cea realizarase un homenaxe ás asociación rurais da vila, actualmente catro: A Asociación de Mulleres Rurais de Melide, A Asociación ARUME, a Asociación Alecrín e a Asociación Catasol. Representantes destas catro asociacións estarán presentes na cea para reinvindicar o papel da muller rural na sociedade actual e poñer en valor o traballo que realiza e que leva realizando ao longo dos anos.

Dalia García, alcaldesa de Melide, a concelleira de Igualdade e Benestar da localidade, María Jesús López e outros membros da corporación municipal, así como a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, xa confirmaron a súa asistencia a esta cea de confraternidade.

As mulleres interesadas en participar nestaceaterán que inscribirse no departamento de Igualdade e Benestar do Concello de Melide.

ANDAINA SOLIDARIA APLAZADA

Para a xornada de hoxe estaba prevista unha andaina solidaria dende o polígono Industrial de Melide realizando un pequeno treito do Camiño de Santiago ata a praza do Convento entre os escolares da vila. Programado para hoxe estaba tamén unha lectura dun manifesto na praza do Convento e unha solta simbólica de globos. Por mor da mala meteoroloxía decidiu aplazarse estes actos para as vindeiras semanas.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp