Novas

Máis novas

Declaración Institucional do Concello de Melide con motivo do Día da Muller

08/03/2018. Os tres partidos políticos con representación no Pleno da Corporación Municipal, acordaron por unanimidade a Proposta da Alcaldía da Declaración do Concello de Melide sobre a conmemoración do 8 de marzo- Día Internacional da Muller

No Día Internacional da Muller, desde o Concello de Melide, queremos expresar o noso compromiso firme en defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ao tempo que recordamos a tantas mulleres que, ao longo da historia, loitaron pola xustiza, o desenvolvemento e a paz en pé da igualdade.

Desde este equipo de goberno queremos conmemorar esta data e reafirmar o noso compromiso con esta causa, que é a de todos/as. Através do traballo temos que alcanzar o logro da igualdade en toda as ordes e o recoñecemento público e colectivo do conseguido polas mulleres ao longo da Historia.

Como políticos, temos a obriga de traballar para romper con todas as formas de discriminación por razón de xénero e conseguir que a igualdade efectiva sexa unha realidade en todos os aspectos da convivencia, da vida laboral, social, pública e privada. Debemos reflexionar sobre os avances conseguidos e as desigualdades aínda existentes e seguir traballando no impulso da educación, no respecto mutuo e no fomento da conciliación e da corresponsabilidade, na igualdade de trato no traballo, etc.

Desde o concello de Melide queremos nesta data REAFIRMAR o noso compromiso e convencemento de que a plena integración das mulleres en todas as esferas resulte imprescindible para conseguir o obxectivo dun crecemento progresivo, solidario, igualitario e sustentable, na defensa da igualdade social, laboral e salarial entre homes e mulleres.

Malia que se ten avanzado moito nos últimos anos, aínda queda moito que traballar para acadar unha igualdade efectiva.

Desde esta perspectiva, concienciar, sensibilizar, coeducar, etc.,  son acción prioritarias que deben estar presentes nas axendas das administracións locais, como entes de referencia e proximidade á propia cidadanía.

O Día Internacional da Muller debe de ser entendido como unha data de reflexión sobre os progresos acadados, un chamamento ao cambio e unha celebración dos actos de valor e determinación, tomados por diferentes mulleres que tiveron un papel relevante na historia dos seus países e comunidades.

Este recoñecemento tamén debe facerse visible a nivel local, por iso, desde a Concellaría de Igualdade do Concello de Melide  estase  a traballar como todos os anos  en diferentes iniciativas arredor desta data, coa finalidade de seguir a visualizar a necesidade de asegurar o pleno exercicio dos dereitos e liberdades das mulleres en igualdade de condicións e oportunidades e alimentar o compromiso de unir folgos nesta loita pola equidade, elaborando un programa de actividades coa implicación das diferentes asociacións de mulleres do municipio e os centros educativos da vila. O obxectivo e visualizar e dar a coñecer a achega  das mulleres ao longo da Historia.

Queremos instar tamén a todas as administracións públicas a que sigan traballando e poñan en marcha políticas precisas para a erradicación de toda clase de desigualdades.

Finalmente, esta declaración quere expresar novamente a condena do Concello de Melide á violencia machista en todas as súas formar e amosar a absoluta repulsa contra calquera tipo de violencia e discriminación, ao tempo que se ofrece todo o apoio e os recursos municipais ás vitimas desta lacra social, así como pide a toda a cidadanía, homes e mulleres, a súa implicación e compromiso coa igualdade,  na busca dunha sociedade libre, solidaria, laboral, familiar e con equilibrio de xénero.

 

PRIMEIRO.- Instar aos tres grupos políticos desta Corporación a adherirse a esta declaración, así como  tamén a todas as administracións públicas a que sigan traballando e poñan en marcha políticas precisas para a erradicación de toda clase de desigualdades.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp