Novas

Máis novas

Xóvenes da Prefectura de Wakayama visitan Melide na súa expedición a Galicia

07/03/2018. - Dalia García, alcaldesa de Melide e Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, deron a benvida na vila aos mozos e mozas procedentes de Wakayama en Xapón que visitarán Galicia

MELIDE 7 de marzo de 2018.- Dalia García, alcaldesa de Melide xunto con Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia participaron na recepción en Melide aos mozos e mozas procedentes da Prefectura de Wakayama (Xapón) que visitarán Galicia nestes días no marco do programa de mobilidade xuvenil da Xunta de Galicia A xuventude no mundo.

Na xornada de hoxe, a comitiva tivo a oportunidade de percorrer unha etapa do Camiño de Santiago e en vindeiras datas coñecerán diferentes puntos da nosa comunidade e convivirán con mozos e mozas galegos que á súa vez, viaxarán a Xapón do 3 ao 10 setembro.

O grupo coñecerá en primeira semana durante esta semana de intercambio a nosa cultura, gastronomía e tradicións galegas, así como tamén o noso idioma.

Será no próximo mes de setembro cando os mozos e mozas galegos sexan embaixadores da cultura galega no Xapón, ao tempo que coñecerán tamén a cultura e lingua xaponesa, as súas costumes e interactuarán con mozos e mozas xaponeses en distintas actividades e durante tres días convivirán con familias xaponesas de acollida.

O programa que desenvolverán estes 14 mozos e mozas galegos combinará actividades educativas e culturais. Deste xeito, percorrerán durante tres días o Camiño Kumano Kodo, visitarán lugares tradicionais da cultura xaponesa, coñecerán a mozos e mozas xaponeses cos que celebrarán unha cea intercultural e aloxaranse outros tres días con familias xaponesas.

A Prefectura de Wakayama e a Xunta de Galicia comparten vínculos desde a sinatura do seu irmanamento en 1998. A partir dese ano se están a realizar distintos programas conxuntos, sobre todo centrados no turismo e na cultura. No que respecta á xuventude, en 2009 estableceuse un protocolo de traballo entre as dúas administracións rexionais para favorecer os lazos de unión entre as entidades xuvenís de Wakayama e Galicia. Así con este grupo de mozos e mozas galegas esta será a décimo cuarta experiencia de intercambio xuvenil entre a Xunta de Galicia e a Prefectura de Wakayama, sumando un total de 215 participantes.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp