- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
A mocidade beneficiarase do programa “Emprural” para o apoio ao emprendemento
06/03/2018. Está aberto a 60 participantes de entre 16 e 30 anos, e inclúe a exploración dos recursos, estadías en empresas e formación e seguimento personalizado. A Comarca da Terra de Melide beneficiarase deste programa da Xunta de Galicia
MELIDE 6 de marzo de 2018.- O Concello de Melide será un dos concellos galegos que se beneficiará do programa “Emprural” para acompañar á mocidade na procura de oportunidades de emprendemento no rural.
Con este programa búscase como obxetivo que a xuventude sexa o maior activo do desenvolvemento local e promover a súa autonomía, aproveitando ás vantaxes dos recursos diferenciados das áreas rurais, que se deben explotar para xerar novas oportunidades de emprego e de negocio.
O proxecto, destinado a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos de idade en fase de finalización de estudos, desempregados ou en situación de abandono escolar dende o mes de abril e ata outubro.
Os equipos da dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado traballarán cos participantes no deseño das rutas para explorar recursos e descubrir as necesidades e oportunidades que presenta o territorio coa fin de captar ideas e proxectos, pero tamén na súa formación personalizada e na súa aprendizaxe a través de estadías en empresas. O labor inclúe a titorización e seguimento individualizado dos itinerarios de inserción laboral e social.
Emprural comezará coa actividade Safari de emprego nos territorios na que se explorarán os nichos de emprego e que se desenvolverá de abril a xuño. Incluirá sesións teóricas de traballo nos Espazo Xove de Curtis e Carballo, con prácticas grupais e individuais e con saídas ao territorio e visitas a iniciativas empresariais locais de referencia. De maio a xuño centrarase na formación tanto comercial e empresarial como en ensino máis específico, á demanda dos participantes (loxística, comunicación, busca activa de emprego), que dará paso as estadías en empresas de interese, de maio a setembro. Ao mesmo tempo, traballarase cos mozos e mozas con titorías personalizadas e manteranse reunións individualizadas para o seguimento de cada itinerario de inserción e para a articulación de medidas adaptadas a cada caso.
A captura de proxectos será a actividade final, cunha duración dun mes (outubro), onde se analizarán os resultados das fases anteriores así como os contratos laborais asinados ou as iniciativas profesionais lanzadas xa que tamén se prestará apoio e seguimento individualizado e/ou grupal aos proxectos de emprego/empresa ou de carácter social xerados, garantindo a súa consolidación no territorio.
A inscrición terá que facerse a través da Dirección Xeral e finalizará o 12 de marzo. A admisión dos participantes será por rigorosa orde de inscrición.
Os veciños e veciñas interesados en recibir máis información poden poñerse en contacto co departamento de Orientación Laboral do Concello de Melide.