Novas

Máis novas

A décimo terceira Foliada de Melide chegará á vila entre os próximos días 28 e 30 de abril

23/04/2017. As rúas do casco vello e do centro urbano encheránse de música tradicional e de grupos folk para traer ao cerne de Galicia a XIII edición da Foliada. Durante o venres 28 así como o sábado 29 e o domingo 30, haberá animación variada con múltiples actividades para toda a familia.

A Foliada de Melide chegou para quedarse; xa vai pola súa décimo terceira edición medrando ano a ano como un evento que despide cada abril coa súa música. A programación, que este ano superase coa participación de grupos externos e todos os locais fan da Foliada de Melide unha das mellores de toda Galicia. 

O venres tarde como é tradicional ábrese a Foliada coa animación a pé de rúa con xigantes e cabezudos así como a partir das 22.00 h na Praza das Coles a música de “Zoelas”. Xa o sábado, poderemos desfrutar da tradicional mostra de artesanía e instrumentos na Praza do Convento así como a partir das 11.30 h animación a pé de rúa con xigantes, cabezudos e tamén os Treboeiros da Muimenta. 

Xunto coa Foliada naceu o Concurso de Cantos de Taberna que ten a súa ubicación na zona dos viños. Trátase dun concurso que ano a ano gaña máis adeptos e que enche de bulicio unha das rúas máis antigas do casco vello. Vai pola súa novena edición. Xa pola tarde seguirá a animación a pé de rúa así como actividades formativas entre os que destaca un Obradoiro de Música Tradicional. Polo serán a actividade trasládase á Praza das Coles onde os grupos de toda a comarca actuarán enriba do escenario desta emblemática praza. As actuacións que destacan son Pelepau e Maskarpone como concertos estrela da noite do sábado. 

O domingo 30 de abril manténse a mostra de artesanía e instrumentos así como a animación a pé de rúa con xigantes e cabezudos. Grupos como Herba Grileira de Melide ou a Fiadeira de Antas de Ulla terán a batuta da sesión vermú. Xogos populares, animación infantil, baile tradicional a cargo da A.C Donaire da Coruña pechan o programa. A partir das 19.00 h Davide Salvado e Blues do País e o Sindicato da Verbena despedirán a XIII edición da Foliada de Melide. 

Toda a información pode encontrarse en www.foliadademelide.gal e nas diferentes redes sociais (Twitter, Facebook). A alcaldesa de Melide, Dalia García, presentou a festa xunto cos organizadores agardando que sexa un éxito de público dado a altura dos grupos que van formar parte da Foliada de Melide neste 2017. 
 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp