Novas

Máis novas

Melide saca os poemas á rúa para celebrar o Día de Rosalía de Castro

23/02/2018. A iniciativa que parte do departamento de Cultura do Concello de Melide estará presente na vila durante toda a fin de semana, onde os veciños e veciñas poderán ler na propia rúa os versos dos poemas mais famosos da escritora galega

MELIDE 23 de febreiro de 2018.- Mañá sábado 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro. Dende o departamento de Cultura do Concello de Melide festexarase dun xeito especial. Os protagonistas serán os versos da autora galega que se colgarán en diferentes lonetas en diferentes balcóns do casco antigo da vila.

Serán un total de sete poemas, recollidos cinco da súa obra Follas Novas e dous de Cantares Gallegos os que pendurarán de diferentes fachadas dentro da zona histórica de Melide. O principal estará colgado da fachada da casa consistorial, onde, por uns días, recibirá a todos os que se acheguen ata a praza do Convento. Os poemas de Rosalía engalarán Melide durante toda a fin de semana.

Cada 24 de febreiro o departamento de Cultura do Concello de Melide pon en marcha diferentes actividades para conmemorar o nacemento da escritora galega Rosalía de Castro. Este ano, a diferenza de anos anteriores nos que se organizaban actividades na biblioteca municipal, decidiuse sacar os poemas da escritora galega as rúas de Melide para facer partícipes a toda a veciñanza da cultura de Galicia.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp