Novas

Máis novas

Melide celebra o Día Internacional da Lingua Materna cunha proxección

20/02/2018. O departamento de Normalización Lingüística do Concello celebra mañá un acto para conmemorar o Día Internacional da Lingua Materna. A cita será na Casa da Cultura de Melide e están convidados o alumnado dos tres colexios e do IES de vila

MELIDE 20 de febreiro de 2018.- Será mañá mércores cando o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Melide ten preparado un pequeno acto na Casa da Cultura para celebrar o Día Internacional da Lingua Materna proclamado pola UNESCO.

A actividade, á que está convidado o alumnado do IES de Melide e dos tres colexios da vila, constará da proxección dun documental dirixido por Miguel Piñeiro que leva por nome “A palabra Xusta”. Trátase dunha iniciativa que se levará a cabo durante a xornada de mañá en numerosos concellos de Galicia.

A protagonista do filme audiovisual é unha pedagoga que fundou un colexio innovador en Vigo durante os anos 60 que aborda o tema da educación partindo da lingua materna. A peza está dirixida por Miguel Piñeiro e conta coa colaboración especial de Javier Gutiérrez e Rebeca Montero. A música orixinal está composta por Nani García.

O documental ten unha duración de 70 minutos e é apto para todos os públicos. A cita será ás 9.30h da mañá na Casa da Cutura de Melide e estará aberto non só ao público dos tres colexios e do IES senon tamén a todos os veciños e veciñas que queiran achegarse ata este lugar para gozar desta proxección.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp