- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Os doces de Melide, protagonistas na clausura da I Ruta Gastronómica do Camiño
15/02/2018. A alcaldesa de Melide, Dalia García, acudíu en Santiago de Compostela á clausura da I Ruta Gastronómica do Camiño Francés, unha iniciativa que puxo en marcha a Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés da que a nosa vila forma parte
MELIDE 15 de febreiro de 2018.- A alcaldesa de Melide, Dalia García, acudiu en representación do concello melidense ao xantar de clausura da primeira edición da primeira Ruta Gastronómica do Camiño Francés, o itinerario culinario que percorreu durante os meses de outubro a xaneiro os 11 concellos polos que transcorre o Camiño Francés, froito dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés coa intención de mellorar e completar a experiencia da peregrinación para todos aqueles que escollen percorrer a ruta xacobea durante o outono e o inverno.
Xunto con Dalia García, compartiron clausura outros alcaldes e alcaldesas de municipios pertencentes á Mancomunidade de Camiños Francés, polos delegados territoriais da Xunta na Coruña e en Lugo, Ovidio Rodeiro e José Manuel Balseiro, Nava Castro, directora xeral de Turismo quen puxo en valor esta iniciativa porque, como dixo, “fomenta esa actividade turística respectuosa que nos define como destino, que non se concentra só en determinados momentos do ano e que axuda ao visitante a descubrir o mellor de Galicia, neste caso a través da singularidade da nosa gastronomía”, explicou.
Durante esta primeira edición da Ruta Gastronómica do Camiño Francés os peregrinos puideron coñecer produtos como o queixo do Cebreiro, o galo piñeiro do Pino, o pan artesán, os biscoitos de Manjarín, o polbo, as anguías, a tarta de Ancano, as augardentes, o queixo de Arzúa-Ulloa ou os melindres, entre outros moitos. Unha iniciativa que permitiu, ademais, dinamizar as economías dos concellos participantes.
No Concello de Melide, a actividade que se levou a cabo foi un concerto doce, no que os doces típicos da vila: melindres, ricos e amendoados foron maridados coa música do trío Moriatov na capela de San Roque o pasado 7 de decembro.
Dalia García, alcaldesa de Melide, explicaba que este tipo de experiencias servirán como exemplo para deseñar novas rutas de base gastronómica en diferentes puntos da xeografía galega, dando resposta así ao modelo turístico galego que aposta por impulsar o potencial culinario de Galicia fomentando o turismo enogastronómico a través da posta en valor dos produtos de cada concello.