- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide estrena unha estrada mellorada na súa conexión con Sobrado dos Monxes
12/02/2018. A través do PlR do pasado ano investíronse máis de 115.000 euros en pavimentar a pista que vai de Folladela ao límite municipal. Dáse así continuidade ao proxecto xa comezado en 2016 a través do plan de emerxencias da Consellería do Medio Rural
MELIDE 12 de febreiro de 2018.- A Consellería do Medio Rural vén de investir máis de 115.000 euros na pavimentación dunha pista de Melide entre Folladela e Sobrado que permite mellorar a conexión e a seguridade viaria entre ambos concellos. Faino a tavés do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) que no 2017 estivo dotado con 4,7 millóns de euros. Este proxecto da continuidade así á obra levada a cabo na mesma estrada con cargo ao Plan de emerxencias para a mellora, arranxo e posta en valor de camiños municipais de 2016.
Naquel momento investíronse máis de 60.000 euros na mellora da pavimentación nun tramo deste viario e agora complétase ata o límite do concello. En concreto, estes novos traballos consistiron na pavimentación dende o punto quilométrico 2,760 ata fin do termo municipal. Polo tanto, interveuse sobre 3.123 metros de lonxitude e 4,5 de ancho. A obra xa está rematada e, con este motivo, a conselleira Ángeles Vázquez visitou a zona para comprobar os resultados, en compañía da alcaldesa, Dalia García.
OUTROS INVESTIMENTOS NA ZONA
Esta non é a única actuación desenvolvida dende a Consellería do Medio Rural para mellorar a comunicación entre concellos limítrofes desta contorna. Tamén con cargo ao PIR 2017 está prevista a execución con preto de 76.000 euros dunha ponte sobre o río Iso entre Mella e Baltar que, polo tanto, conecta Arzúa e Melide. Unha iniciativa similar levarase a cabo entre Melide e Toques, onde se recuperará a ponte sobre o río Furelos. Neste caso está previsto que o coste da obra ascenda a 300.000 euros xa que require construír de novo esta infraestrutura.
Xa noutros concellos, compre destacar tamén a ampliación que está previsto executar sobre o río Tambre e que conecta os municipios de Mesía e Boimorto. Trátase da coñecida como ponte Boado na que se investirán preto de 144.000 euros para o anchear o viaduto de catro a oito metros e facilitar así o paso simultáneo dos vehículos, que ata o de agora vese condicionado.