Novas

Máis novas

O Conservatorio abre a programación de Entroido co concerto “Músicas do Mundo”

08/02/2018. A maiores do concerto tamén se realizará unha pequena representación do contos musicados, unha actuación que tivo lugar hai un mes para os rapaces e rapazas dos tres colexios de Melide na Casa da Cultura da vila

MELIDE 8 de febreiro de 2018.- O Conservatorio de Música de Melide ofrecerá na xornada de mañá venres ás 20.30h da tarde na Casa da Cultura un concerto que levará por nome “Músicas do Mundo”.

O concerto percorrerá diferentes culturas do mundo a través das súas músicas cunha posta en escena “que non deixará a ninguén indiferente” explican dende o propio conservatorio melidense. Ao escenario subirase o alumnado do centro que abrangue idades moi dispares, sendo os máis pequenos de catro anos. Non só escoitaremos música, senón que tamén poderemos comprobar o bo facer do coro e gozar de diversos estilos musicais como o jazz, tangos, música africana, etc…

Trátase dunha actividade que dará paso á programación de Entroido en Melide que se completará cunha festa infantil o domingo pola tarde no edificio Multiusos e o concurso de disfraces que se celebrará no palacio de Congresos na tarde do martes 13 de febreiro.

PREMIOS

Haberá un total de catro premios que se repartirán en dúas categorías. A primeira de grupos e comparsas terá unha dotación de 2000 euros para o primeiro clasificado e de 1000 euros para o segundo. Na cateogría de individuais e parellas o importe para o primeiro premio será de 300 euros e para o segundo de 200 euros.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp