Novas

Máis novas

Arrancan os últimos trámites para darlle luz verde ao novo Centro de Saúde de Melide

06/02/2018. Os trámites urbanísticos definitivos permitirán agrupar as tres parcelas nunha única de 4.968 metros cadrados que será cedida ao SERGAS unha vez se tramiten rexistralmente os cambios catastrais necesarios.

Melide 6 de febreiro de 2018.- “Un dos puntos máis importantes do Pleno ordinario que terá lugar o próximo xoves 8 de febreiro ás 20h da tarde é o relativo ás xestións do Centro de Saúde de Melide”, apunta Dalia García, rexedora de Melide.  

Logo do Pleno de ratificación do acordo de cambio de uso da terceira parcela de 1042 metros cadrados que tivo lugar en agosto do ano pasado, unha discrepancia xurídica entre Urbanismo da Xunta e Concello sobre o cambio de uso do solo relantizou o proceso máis do necesario ata tomar unha decisión ao respecto que satisfacera a ambas partes (Xunta e Concello) e que posibilitara xurídicamente a agrupación das fincas cos metros necesarios que reclamaban dende o SERGAS para a edificación de vangarda que se proxecta dende a Consellería de Sanidade para o novo centro de saúde.

En palabras da alcaldesa de Melide, Dalia García, “foi un expediente que se iniciou dez anos atrás neste Concello e do que o meu goberno leva recabado moita información urbanística para encadrar a edificación pretendida polo SERGAS, quen ten xa elaborado o proxecto básico do novo edificio do Centro de Saúde despois da sinatura do Convenio en marzo de 2016, e agora, tomamos a decisión de derogar dous acordos plenarios sobre o cambio de uso xa que a entidade competente en materia de urbanismo, a Dirección Xeral, considera que dentro do planeamento urbanístico municipal xa se contempla a posibilidade de edificar un Centro de Saúde nesas parcelas”.

García subliña que en todo caso, “este é o trámite definitivo que remata coas discrepancias xurídicas xurdidas, sobre todo, polos antecedentes das tres fincas rexistrais que se agruparán despois do Pleno do vindeiro xoves, que teñen a súa orixe en 1.975 e que sufriron así mesmo varias modificacións lexislativas en materia urbanística”.

Así as cousas, unha vez o Pleno aprobe a delegación na alcaldía para  agrupar as fincas, será o goberno local quen aprobe dita licencia como un trámite interno na Xunta de Goberno Local, “axilizando os prazos urbanísticos e adoptando a mellor decisión en prol do benestar da veciñanza, dada a necesidade factible e real do novo Centro de Saúde de Melide”, puntualiza a rexedora.

Unha vez efectuados os acordos na notaría e no Rexistro da Propiedade, o Concello está en facultade de ceder ditos terrenos ao SERGAS e será quen solicite por último a licencia municipal para o inicio da obra, un trámite sinxelo que xa se ven estudando as dimensións e as características urbanísticas do proxecto de execucción do edificio dacordo coa cesión das tres parcelas, que suman case 5.000 metros cadrados en extensión.

 A alcaldesa de Melide agradece o esforzo da Consellería de Sanidade en canto a dar cumprimento ao establecido no Convenio de Construcción do Centro de Saúde de Melide así como ao asesoramento da Xunta de Galicia en materia urbanística como entidade superior. Así mesmo, o goberno local agarda consensuar o asunto en Pleno cos grupos da oposición co fin de darlle un apoio por unanimidade ao goberno local neste asunto dada a transcendencia municipal do mesmo.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp