Novas

Máis novas

Éxito de participación no XIV Certame de Miss e Míster Galicia

03/07/2017. Maiores chegados de toda a xeografía galega e incluso de fóra de Galicia achegáronse a Melide para participar nunha nova edición do Certame de Miss e Míster Galicia da Terceira Idade. Medio centenar de maiores optaron ás 12 bandas que cada ano se entregan nas diferentes categorías.

O Cantón de San Roque convertiuse nunha auténtica pasarela na xornada dominical para renovar as bandas de Miss e Míster Galicia da Terceira Idade, un evento que este ano chegaba a súa vixésimocuarta edición. .

Lisardo Pelaéz de 76 anos xunto con Isabel Muíño de 73 anos, foron os elixidos polo xurado como Míster e Miss Galicia da Terceira Idade 2017. Pero sobre a pasarela soaron outros nomes que foron os encargados de renovar as bandas das diferentes categorías do certame melidense. Jose Parada de 88 anos lograba proclamarse Míster guapo, José Martín era elixido como Míster Simpático, Míster Marchoso recaía en Antonio Espasandín e Míster Elegante para Restituto Varela. 

No terreo feminino tamén foron as bandas renovadas, sendo a de Miss Elegancia para Remedios Varela, Miss Simpatía para Camila Ramilo, Miss Marchosa para Dolores Pradanos, Miss Verán para Dorita González, Miss Beleza para Elsa Calviño e Miss Fotoxenia para Concepción Quintás.

Pasodobres
Dentro da programación do Certame tamén se levou a cabo unha nova edición do Concurso de Pasodobres que tiña lugar en xornada de mañá no Cantón de San Roque. O primeiro premio foi para a parella formada por Maruja Vázquez e Marisa Garabatos, o segundo para Josefa López e Emilio Calviño e o terceiro posto recaeu en Ana Jovu e Ángel Pazo. Medio centenar de parellas participaron neste concurso de pasodobres que incrementa a súa participación ano tras ano. 

Aumento de participación
Entre os participantes que se achegaron a gozar do XIV Certame de Miss e Míster Galicia da Terceira Idade volveron a repetir os centros sociais de Galicia, que acoden edición tras edición, sendo a provincia con máis participación A Coruña. Ao mesmo tempo tamén se desprazaron ata Melide socios e socias dos centros sociais de Boqueixón, Curtis, Caldas de Reis, Sada e Viveiro, que por primeira vez este ano tiveron a ben participar neste certame. Como novidade este ano, tamén participaron persoas chegadas de fóra de Galicia, como Madrid, Avilés ou Bilbao. 

Vodas de prata no 2018
Dende a Concellería de Igualdade e Benestar, principal organizadora deste evento, e fronte a cal se atopa María Jesús López Mourón, explican que “ xa estamos pensando como será a edición do ano que vén que sen dúbida ten que ser máis especial que ningunha outra xa que celebraremos as vodas de prata do Certame de Miss e Míster Galicia 2017”. López Mourón engadía que “Melide é xa referencia no calendario da terceira idade a primeira fin de semana de xullo e nós traballaremos a reo para ofrecer aos nosos maiores unha actividade que cada ano ten máis éxito de participación”. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp