- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide colabora coa Asociación da Hostalería para promover o ocio responsable durante a noite de fin de ano
26/12/2017. Dentro do convenio asinado coa asociación establécese unha partida orzamentaria para sufragar parte dos gastos que se derivan da contratación das diferentes rutas durante a noite de fin de ano
MELIDE 26 de decembro de 2017.- O Concello de Melide, dentro do convenio asinado coa Asociación da Hostalería Melide Móvese destina unha parte económica a colaborar con esta entidade para promover o uso responsable do transporte nunha noite como será a do vindeiro domingo, a última noite do ano.
Tal é así, que no convenio asinado hai meses coa Asociación da Hostalería melidense por importe de 4.000 euros, existe unha parte que se destinará para axudar a completar os gastos que se deriven do servizo de autobús para fomentar un uso responsable dos vehículos nunha noite tan transitada como é a noite de fin de ano.
Dalia García, alcaldesa de Melide, explica que “dende o Concello de Melide sempre promovemos estas campañas conxuntamente coa Asociación da Hostalería Melide Móvese debido a que se trata de poñer todo da nosa parte para que a nosa vila teña ocio de calidade e responsable”.
O Concello de Melide a maiores de colaborar coa asociación melidense nesta iniciativa, tamén o fai por medio do convenio asinado este ano con outras campañas que axudan a fomentar o galego ou proxectos que se levan a cabo destinados a aunar as iniciativas da hostalería na vila impulsando sempre un ocio nocturno de calidade e responsable.
MELIDE VIAXEIRO
A Asociación da Hostalería en colaboración co Concello de Melide poñerá en marcha un total de sete rutas diferentes que unirán parte de Galicia co cerne durante a noite de fin de ano. Sairán autobuses cara Melide dende Friol, A Castellana-Aranga, Chantada, Monterroso, Betanzos, Antas de Ulla e Santiago de Compostela. Os prezos para usalos oscilan entre os 10 e 5 euros dependendo do lonxe que se atopen as poboacións de Melide. As horas de saídas dende os diferentes puntos e de regreso dende o Cantón de San Roque, serán diferentes dependendo da ruta elixida. Toda a información pode atoparse no facebook da Asociación da Hostalería Melide Móvese.