Novas

Máis novas

Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia celebrarase o 16 e 17 de decembro en Melide

05/12/2017. A promoción da feira terá lugar nas cidades de Lugo, Santiago e Coruña a través dunha food truck onde se poderán degustar tapas con produtos da terra

MELIDE 5 de decembro de 2017.- O Concello de Melide xunto co Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo do que a vila forma parte, organizan para a fin de semana do 16 e 17 de decembro Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia. Este evento ten como obxetivo principal poñer en valor os produtos da terra nas datas anteriores ás celebracións de Nadal. Así, aquelas persoas que se acheguen a esta feira poderán comprobar de primeira man a riqueza dos produtos tanto do mar como da terra cos que conta o noso territorio e polo tanto, ter opción a incorporalos as súas comidas e ceas de Nadal.

A alcaldesa de Melide, Dalia García e o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo, Ovidio Leiva, presentaron esta feira no salón de Plenos do Concello. A rexedora fixo especial fincapé na “calidade dos produtos que se poderán mercar” e animaba a todos “a participar de Manxares que é unha boa oportunidade para conseguir agasallos de Nadal cen por cen galegos feitos na nosa Comarca. Ademais con estas compras estaremos apoiando a novos emprendedores que naceron grazas ás axudas do GDR e que hoxe en día son negocios consolidados no noso rural”.

O Concello de Melide instalará para a celebración de Manxares, Feira Agroalimentaria de Galicia unha carpa no Cantón de San Roque e diferentes cañóns de calor para que o ambiente sexa o apropiado para a realización do evento. Serán 15 os stands que participarán na feira de sectores variados: mel, cervexa, queixo, bacallau, pan etc…

Manxares, promocionarase con anterioridade cunha food truck nas cidades de Lugo, Santiago e Coruña, onde se poderán degustar tapas elaboradas con produtos da terra. Os días da feira, esa food truck achegarase a Melide para que tamén os visitantes da feira poidar probar estas creacións gastronómicas.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp