- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide celebra a última fin de semana de abril unha nova edición da emblemática Foliada
22/03/2023. A presentación do evento correu esta mañá a cargo da concelleira de Cultura, Mayka Basalo, acompañada polo alcalde, José Manuel Pérez, e contou coa presenza do músico Xabier Díaz, cabeza de cartel. É a segunda edición organizada polo Concello, tras o éxito do ano pasado.
A concelleira de Cultura de Melide, Mayka Basalo, presentou esta mañá o cartel da XVI edición da Foliada de Melide, a segunda organizada dende o Concello. Fíxoo acompañada dun dos artistas destacados do programa deste ano, o músico e estudoso da música tradicional galega Xabier Díaz.
A edición de 2023 da Foliada volve programar dous días de celebración e festa arredor da cultura tradicional con grupos destacados e actividades complementarias. Un ano máis, unha das citas que non poden faltar son os Cantos de Taberna, que acadan así a súa duodécima edición. Celebraranse dende as 12 da mañá do sábado 29 na zona dos viños, levando o canto polo corazón da zona histórica da vila.
O Serán do sábado correrá a cargo de Xisco Feijoo, quen achegará a súa particular visión da música tradicional cun toque de modernidade. Tamén participarán, como cada ano, grupos e músicos de toda a terra de Melide e doutros puntos de Galicia.
O domingo 30, a sesión vermú correrá a cargo de Acordeireta, o dúo de acordeón e pandeireta conformado por Patricia González e Alejandro Balbuena. Posteriormente, a actuación infantil corresponderalle a Mamá Cabra e Bellón Maceiras. Ademais, presentaras eo libro Concha de Luneda de Xerardo Santomé e actuará a Banda de Gaitas Queiroa.
A gran actuación deste ano, logo do éxito das Tanxugueiras en 2022, será a de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, as once mulleres que con percusión e voces acompañan ao veterano músico dende hai xa oito anos. Un espectáculo que congregará un ano máis a centos de afeccionados á música tradicional, convertendo Melide en capital do xénero.
Un ano máis, a Foliada compleméntase con mostras de artesanía e animación de rúa dende o sábado. Haberá igualmente un obradoiro de baile para adultos e outro infantil.
A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, afirmou durante a presentación do cartel que esta edición da Foliada “promete ser moi especial” e congregará “moitos foliadeiros e foliadeiras”. Agradeceu a presenza de Xabier Díaz, quen non podería ser “mellor abandeirado desta nova edición”, por tratarse dunha persoa que levou a música tradicional “a un nivel tan alto” e que levou por todas partes a música e a lingua de Galicia.
A edil tamén fixo referencia ao labor histórico da Asociación O Castelo organizadores da Foliada a Foliada dende o ano 2005 ata o 2018, amosando a súa satisfacción por contar en Melide con asociacións así que “traballan a prol da nosa cultura e da nosa tradición”.
Basalo rematou a súa presentación chamando á participación na XVI Foliada de Melide e agradecendo o labor das persoas que fan posible a gran festa melidá de cultura tradicional, unha das máis destacas de Galicia.