Novas

Máis novas

O Concello de Melide organiza un variado programa de actividades durante o mes de marzo para conmemorar o Día da Muller

02/03/2023. 

O Concello de Melide organiza un ano mais un completo programa de actividades en conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O programa esténdese practicamente durante todo o mes de marzo, dando inicio o día 7 e rematando o 28.

O propio 8 de marzo terá lugar a lectura do manifesto ás 12h na Praza do Convento. Irá acompañado dunha programación especial en Radio Melide durante toda a mañá. Pola tarde, ás 20h, o Centro Sociocultural Mingos de Pita acollerá a presentación do documental “Melide, con M de Muller”.

A mocidade de Melide será o centro de varias das actividades celebradas, a fin de avanzar entre as xeracións máis novas na concienciación en igualdade de xénero. Deste modo, o martes 7 terá lugar a representación do Teatro Ghazafelhos con Iriña Bailarina para o alumnado de infantil dos CEIP de Melide (Nº1, Martagona e Mestre Pastor Barral). Será ás 11h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.

A seguinte actividade para a mocidade celebrarase o venres 10 en dúas quendas (11h e 12h) na Biblioteca Municipal XosÉ Vázquez Pintor. Alá, o alumnado de infantil dos CEIP asistira á representación do espectáculo de Xarope Tulú con Estrafalaria.

O sábado 11 tocará camiñar. Ese día terá lugar “Mulleres no Camiño”, un percorrido do Camiño Francés ao seu paso polo municipio, entre o Leboreiro e Boente. As inscricións poden facerse no centro social ou no 981 50 57 06. A saída será dende o Cantón de San Roque ás 9:30h.

Dentro da programación tamén se inclúen dúas charlas destinadas ás mulleres, ambas as dúas no Centro Social. A primeira delas será o martes 14 ás 17h. Impartida pola dietista-nutricionista Lucía Paz López, do centro de Saúde de Melide, versará sobre alimentación saudable e muller. A segunda será ás 17:30h do martes 28 e centrarase na endometriose. Será impartida por Cristina Fernández Feijoo, presidenta da Asociación QuerENDO de mulleres con endometriose. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp