- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Mercamelide volve potenciar o comercio local os días 25 e 26 de febreiro
24/01/2023. Os comercios que queiran participar poden inscribirse ata o 20 de febreiro. Aqueles que sexan socios de ASETEM poden facelo na Asociación, mentres que non asociados poden facelo no Concello. Na edición de 2022 participaron un total de 14 negocios melidaos.
MELIDE 24 de xaneiro de 2023.- O Mercamelide de Inverno de 2023 celebrarase na última fin de semana do mes de febreiro (sábado 25 e domingo 26). Un ano máis, este mercado de inverno porá a disposición das e dos consumidores produtos de primeira calidade, de proximidade e a un prezo moi económico. As persoas que se acheguen ao Pazo de Congresos poderán adquirir bens de todo tipo, incluíndo fogar, roupa ou tecnoloxía e electrodomésticos.
A inscrición de comercios para esta nova edición está aberta ata o vindeiro día 20 de febreiro. Aqueles comercios que desexen participar e estean asociados á ASETEM (Asociación de Empresarios da Terra de Melide) poden formalizar a inscrición na propia Asociación. Os negocios que non formen parte da mesma poden anotarse no Departamento de Promoción Económica do Concello de Melide, ou enviando un correo electrónico a promocioneconomica@concellodemelide.gal.
Na edición de 2022 participaron 14 comercios da localidade cun importante volume de vendas, rexistrándose unha notable asistencia durante toda a fin de semana. En Mercamelide ofrécense, con importantes descontos, produtos diversos como mobiliario, menaxe, produtos do fogar, seguros, decoración, calzado, lencería, mercería, produtos deportivos, produtos de beleza, novas tecnoloxías, electrodomésticos, complementos ou perfumería.
Para organizar os pormenores desta edición a Mesa Local de Comercio, onde está presente a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, reunirase este xoves 26 de xaneiro.
O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, Xosé Igrexas, amosouse convencido de que “un ano máis, o Mercamelide vai supor unha importante oportunidade de negocio para o comercio local” e puxo de manifesto que “a afluencia de visitantes a cada unha destas citas amosa que a veciñanza está moi interesada nun mercado destas características durante o inverno e logo das festas de Nadal e as rebaixas de xaneiro”.