- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Medio centenar de mulleres participan o sábado en Melide nunha xornada de respiro
29/11/2017. As mulleres que participarán na xornada son todas veciñas de Melide de diferentes idades
MELIDE 29 de novembro de 2017.- O Concello de Melide ten organizado para o vindeiro sábado 2 de decembro unha xornada de respiro na que participarán medio centenar de veciñas da vila de diferentes idades e que se enmarca dentro das actividades que se poñen en marcha para conmemorar o 25 de novembro, día contral a Violencia de Xénero.
A xornada dará comezo o sábado ás 12 da mañá no Balneario Río Pambre ata onde se achegará o grupo de mulleres para gozar dunha sesión de termalismo. Posteriormente as participantes asistirán a unha sesión de Tai-Chi. Todas as mulleres compartirán un xantar de confraternidade.
Xa pola tarde e nas instalacións do Balneario Río Pambre, terá lugar unha charla que leva por nome “Recuperación do chan pélvico e tonificación”. Será unha sesión teórico-práctica onde se abordarán diferentes disfuncións do chan pélvico como incontinencia urinaria, prolapso uterino, etc…así como tamén os beneficios da súa recuperación a través da ximnasia abdominal hipopresiva. A charla será impartida por persoal especializado na materia que dará resposta ás dúbidas que poidan xurdir ás asistentes.
A xornada de respiro rematará a última hora da tarde onde as participantes compartirán uns petiscos xunto cun espectáculo de maxia que terá como temática principal a igualdade de xénero.
A rexedora melidense, Dalia García, amosábase satisfeita pola boa acollida que tivo a actividade organizada dende a concellería de Igualdade do Concello de Melide xa que “quedaron veciñas en lista de agarda por falta de prazas dispoñibles”. García explica que “dende o departamento de Igualdade do noso concello seguirase traballando sempre en actividades que teñan como obxetivo a erradicación da violencia de xénero, unha lacra coa que convén rematar o máis rápido posible”.