Novas

Máis novas

O alcalde de Melide e o concelleiro de Promoción Económica participan na difusión do Camiño de Santiago en FITUR

19/01/2023. A Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés presenta hoxe en Madrid un vídeo de promoción desta importante ruta de peregrinación que actualmente representa a variante máis habitual para a realización da ruta xacobea. A Oficina de Turismo de Melide recibiu case 17.000 peregrinos durante a primavera e o verán do ano pasado.

A Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés presenta hoxe en Madrid un vídeo de promoción desta importante ruta de peregrinación que actualmente representa a variante máis habitual para a realización da ruta xacobea. Melide recibiu case 17.000 peregrinos a Compostela durante a primavera e o verán do ano pasado.

MELIDE 19 de xaneiro de 2023.-  O Concello de Melide aposta na Feira Internacional de Turismo FITUR por facer equipo co resto de concellos da Mancomunidade do Camiño Francés para promover esta ruta xacobea e o seu impacto positivo nas cifras do turismo local. O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e mais o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, participan hoxe na presentación dun vídeo de promoción do Camiño elaborado pola Mancomunidade. A proxección ten lugar no stand de Galicia no recinto feiral IFEMA de Madrid.

O Camiño de Santiago, impulsado polo recente Xacobeo de dous anos, tense consolidado como o gran polo de atracción turística de concellos como Melide, situados no trazado deste Camiño e mais do Primitivo que vén de Asturias. Entre maio e setembro de 2022 pasou por Melide un total de 16.721 peregrinos, dos cales preto dun 36% eran estranxeiros. Estas cifras alentan o sector e convidan a apostar pola internacionalización do turismo melidao.

O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, salientou a importancia de que os concellos da ruta xacobea colaboren en iniciativas como esta, xa que “promover un destino turístico amplo e integrador arredor do Camiño de Santiago significa un impacto social e económico positivo para todos os concellos que conforman a ruta”. Neste sentido, o rexedor amosouse confiado de que “pasado o Xacobeo, Melide e o Camiño seguirán captando visitantes se mantemos o interese vivo a través de iniciativas coma esta que presentamos hoxe en FITUR”.

Pola súa banda, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, valorou moi positivamente as cifras de turismo de 2022 en Melide e considerou que “a promoción da Festa do Melindre, cuxa trixésima edición foi un éxito total, e do Camiño de Santiago supón contar con dous recursos excepcionais para destacar Melide nos mapas turísticos de Galicia”. 

 

 



Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp