Novas

Máis novas

O Concello de Melide promociónase en FITUR coa gastronomía e o Camiño como emblemas

18/01/2023. Melide fará difusión dos seus atractivos turísticos na nova edición da Feira Internacional de Turismo que comeza este mércores, 18 de xaneiro, en Madrid. A Festa do Melindre, o patrimonio histórico local ou o Camiño de Santiago serán as liñas mestras da promoción melidá neste importante foro internacional.

O Concello de Melide estará presente na Feira Internacional de Turismo FITUR en Madrid para promover e difundir o atractivo dalgúns dos seus máis destacados recursos turísticos. Eventos como a Festa do Melindre ou expoñentes patrimoniais, históricos e paisaxísticos como o Camiño de Santiago ao paso pola localidade centrarán a proposta turística que o Concello defenderá neste destacado espazo que reúne institucións e empresas turísticas de todo o mundo.

A Festa do Melindre acadou o pasado 2022 a súa trixésima edición cun éxito total de público e de vendas e un completo programa de actividades que puxo este produto e este evento no mapa da mellor gastronomía galega. Dende o Concello confían en que a presenza en FITUR axude a internacionalizar e difundir tanto o produto como a festa local que se celebra durante a primavera. O turismo gastronómico é unha tendencia en auxe e unha oportunidade de diferenciación para destinos como o melidao.

Pola súa banda, o Camiño de Santiago tense convertido, sen dúbida, nun dos grandes polos de atracción de visitantes á Terra de Melide. O Concello busca seguir potenciando a importancia das dúas rutas que discorren por Melide -Camiño Primitivo e Camiño Francés-. Neste sentido, salientan as boas cifras da tempada de peregrinacións do ano 2022, o segundo do Xacobeo estendido 21-22. Un total de 16.721 persoas pasaron por Melide realizando esta ruta entre maio e setembro, das cales máis dun terzo eran estranxeiras, o que demostra o potencial de internacionalización do turismo que ofrece a ruta xacobea e que Melide quere promover.

Dentro das actividades de promoción do Camiño en FITUR salienta a participación dunha delegación melidá encabezada polo alcalde, José Manuel Pérez, e coa presenza do concelleiro de Promoción Económica, Xosé Igrexas, na presentación dun vídeo sobre o Camiño de Santiago realizado pola Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés, da que forma parte o Concello de Melide. Será o xoves 19 de xaneiro no stand de Galicia en FITUR.

Cómpre lembrar que Melide se asociou en 2021 á rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI). Como tal, o Concello promove un modelo de turismo innovador, sobre infraestruturas tecnolóxicas de vangarda e orientado ao desenvolvemento sostible do sector na localidade. Seguindo esta filosofía, Melide promove a interacción e integración das persoas que visitan o municipio, procurando unha alta calidade da experiencia para o visitante e un retorno que supoña tamén un incremento na calidade de vida da veciñanza. Esta é a filosofía que guiará, un ano máis, a presenza do Concello de Melide en FITUR. 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp