Novas

Máis novas

O Concello de Melide implanta o quinto contedor para a recollida selectiva da materia orgánica

04/11/2022. Colocaranse 25 colectores deste tipo no municipio. Levarase a cabo unha campaña de difusión desta nova separación de residuos. O próximo domingo haberá un stand informativo no Cantón de San Roque.

MELIDE 4 de novembro de 2022.-  O Concello de Melide implantará proximamente o quinto contedor, de cor marrón, que permitirá recoller de forma selectiva os residuos orgánicos de carácter doméstico xerados pola veciñanza. A tal fin, colocaranse 25 recipientes de estas características en lugares estratéxicos do termo municipal.

A pretensión do ente local coa implantación destes novos recipientes, que se suman aos catro máis habituais situados nas rúas municipais: -contedor amarelo (envases, latas e briks), azul (papel e cartón), iglú verde (vidro) e verde escuro (residuos xenéricos)- é dar cumprimento aos obxectivos europeos en materia de reciclaxe, incluíndo a posta en valor da fracción orgánica dos residuos. Con este obxectivo, levarase a cabo unha campaña de información, difusión e sensibilización á poboación a fin de que a cidadanía se familiarice con este novo contedor.

O  vindeiro domingo 4 de novembro, de 10:30h a 13:30h, habilitarase no Cantón de San Roque un stand informativo, atendido por monitores ambientais especialistas en xestión sostible dos residuos, para que os veciños e veciñas do termo municipal interesados se poidan informar sobre esta iniciativa. Xunto coas explicacións pertinentes, entregarase aos domicilios interesados  cubos de 10l para a recollida de orgánicos, un lote de bolsas compostables e material didáctico.

Esta iniciativa desenvólvense en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia -no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU-.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp