- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Concello de Melide instala elementos de ocultación de colectores do lixo no Camiño de Santiago
20/10/2022. Mediante estes traballos agocharonse dous contedores de orgánicos no Carballal e Parabispo. Adecuanse as infraestruturas de recollida do lixo á necesaria protección dun Ben de Interese Cultural.
MELIDE 20 de outubro de 2022.- O Concello de Melide instalou elementos de ocultación nos colectores do lixo distribuídos dentro do Ben de Interese Cultural do Camiño de Santiago en varios núcleos do trazado. Con esta medida, o Concello pretende contribuír a embelecer a área e coidar da estética destes conxuntos poboacionais pouco alterados e de carácter rural. A importancia patrimonial, histórica, cultural e económica do Camiño de Santiago, sumadas á crecente vitalidade da Ruta Xacobea, fan perentorios estes traballos de adecuación.
Os labores realizados incluíron a ocultación dos colectores de residuos sólidos urbanos mediante estruturas de cobertura de aceiro e madeira. Actuouse, concretamente, no lugar do Carballal, na parroquia de Santa María, e no Parabispo, parroquia de O Barreiro. En ámbolos dous casos, os traballos agochan visualmente contedores de 800 litros de capacidade de cor verde, destinados a residuos orgánicos. O investimento foi de 12.565,67€ dos cales 9.424,25€ foron subvencionados pola Axencia de Turismo de Galicia dentro do programa de axudas para actuacións de mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopen no Camiño de Santiago.