Novas

Máis novas

Arrinca o obradoiro de emprego Natureza no Camiño de Santiago no que participan 20 alumnas/os de catro concellos da contorna

17/10/2022. Vinte veciñas e veciños formaranse durante un ano en repoboación forestal e tratamentos silvícolas no Obradoiro Dual de Emprego. O curso inclúe actuacións en fincas municipais dos catro concellos. José Manuel Pérez, alcalde de Melide: “É fundamental seguir colaborando entre concellos próximos para garantir oportunidades de formación e emprego para toda a veciñanza”.

O Obradoiro dual de Emprego 'Natureza no Camiño de Santiago' deu comezo esta mañá coa apertura de curso coa presenza do alumnado, profesorado e os alcaldes dos concellos de Melide, Toques e Santiso. A actividade formará durante un ano a vinte persoas en repoboación forestal e tratamentos silvícolas.

Os rexedores transmitiron os seus mellores desexos para o alumnado ante esta oportunidade de capacitación profesional. José Manuel Pérez sinalou na súa intervención a importancia de “traballar conxuntamente entre os concellos próximos en garantir oportunidades de formación e de emprego para a veciñanza”. Destacou, así mesmo, a ligazón entre o contido do curso e a importancia económica do sector forestal nos municipios participantes.

Intervencións en catro concellos

Dentro do programa do curso levaranse a cabo varias actuacións en parcelas forestais de titularidade pública nos catro municipios. En Melide, intervirase na concentración parcelaria Maceda-Orois, así como no camiño da ruta da senda do Bocelo. Pola súa banda. En Arzúa efectuaranse labores de mantemento, de roza, limpeza e silvícolas na Mota, Beis-Oíns, Castro Curbín, Tronceda, Dombodán e Burres.

En Santiso as actividades do curso desenvolveranse na zona náutica de Beigondo, nas fincas do Castro de Ribadulla, no  campo da festa de Barazón e o campo de fútbol de Visantoña. Igualmente, haberá actuacións na área de Belmil; no muíño, fonte e lavadoiro de Novela; no campo da festa de Serantes e no camiño Fonte Santa.

En terreos de Toques, o curso incluirá traballos nas contornas as capelas de San Cidre e San Antolín, a contorna de San Antolín e das fervenzas de Brañas, no Forno dos Mouros e o Castro da Graña. Do mesmo modo, nos roteiros da Fervenza, a Ermida, os Megalitos e o sendeiro do Bocelo.

O curso conta cunha subvención de medio millón de euros concedida pola Xunta de Galicia por medio da Xefatura Territorial da Coruña. Pagarase en dúas anualidades por valor de 176.395,45€ (2022) e 327.591,55€ (2023).




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp