- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O Pleno de Melide aproba obras de pavimentación no rural por importe de 344.579,14€
04/10/2022. O Pleno Ordinario celebrado na tarde do luns 3 de outubro tamén aprobou un suplemento de crédito para facer fronte ao incremento de gastos derivado da sube de prezos da electricidade. Do mesmo xeito, foi aprobada a Conta Xeral de 2021. As obras incluídas no proxecto aprobado por unanimidade redundarán nunha mellora duradeira do confort e seguridade das vías da area rural melidá.
MELIDE 4 de outubro de 2022.- O Pleno ordinario do Concello de Melide, celebrado o luns 3 de outubro, deu luz verde por unanimidade a importantes obras en vías de comunicación de toda a área rural municipal. Deste modo, no punto 2 da orde do día aprobouse a participación municipal na 2ª fase do Plan Único de Concellos POS+ Adicional 2/2022 da Deputación da Coruña. Esta adhesión ao POS permitirá a materialización de varias actuacións de mellora da pavimentación e seguridade viaria en varios núcleos rurais.
As obras incluídas no proxecto inclúen dez intervencións na área rural melidá. Destas, sete serán realizadas integramente no espazo rural, e outras tres servirán para mellorar a ligazón deste co casco urbano. Os traballos levaranse a cabo utilizando aglomerado en quente. Todos os portavoces municipais defenderon esta opción como a máis lóxica de cara a conseguir un resultado duradeiro e cómodo para o uso da veciñanza.
O equipo de goberno destacou que o proxecto continúa coa aposta de substituír o rego asfáltico polo aglomerado en quente o que supón unha pavimentación de maior calidade e duración. Con este investimento acádanse os 1,3 millóns de euros investidos na área rural.
O proxecto de obra inclúe actuacións en dez puntos distintos. Estes son o acceso ao Mato, o Barreiro a N-547, o acceso a Goxán, o acceso ao Centro Social Andeán, a pista a Formigueiro, o vial de Traspedra, o acceso ao Vilar, e Trasfontao a rúa Marqués Marianao e os accesos a Zaramil e á Cooperativa. En todos os casos menos na rúa Marques Marianao, o proxecto contempla a apertura e limpeza de cunetas por ambas as dúas marxes. O prazo de execución previsto para estes traballos é de catro meses. O orzamento de contratación será de 344.579,14€.
Suplemento de crédito e Conta Xeral
Posteriormente, o Pleno deliberou sobre a aprobación dunha modificación orzamentaria para facer posible un suplemento de crédito por un valor de 600.000€. O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, salientou a necesidade de facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da escalada de prezos, nomeadamente no tocante á electricidade. Así, o responsable de Facenda comparou o gasto eléctrico do Concello en todo 2021, duns 450.000€, cos case 616.000€ gastados de xaneiro a agosto de 2022. Deste modo, e antes de que remate o presente ano, os gastos derivados da electricidade medraron un 36%.
O suplemento de crédito saíu adiante cos votos favorables de Adiante Melide e o PsdG-PSOE, e o voto contrario do Partido Popular.
Posteriormente, someteuse ao Pleno a aprobación definitiva da Conta Xeral de 2021. O concelleiro de Facenda, Xosé Igrexas, salientou que por segundo ano consecutivo Melide cumpriu coa estabilidade orzamentaria, cun aforro neto positivo de máis de 850.000€. Nos últimos dous anos, destacou Igrexas, revertéronse os datos negativos de estabilidade orzamentaria, reducíndose a conta 413 (conta de acredores por operacións pendentes de aplicar a orzamento) a algo máis de 306.000€ fronte ao case 1,1 millóns que chegou a acumular en 2019. “Este goberno local ten control das contas, cumpre coa regra de gasto, non ten déficit e paga en tempo e forma as facturas,” concluíu.
Neste punto, novamente, a aprobación saíu adiante cos votos positivos de AM e PSOE e a oposición do Grupo Popular.
O Pleno tamén aprobou unha declaración en favor da finalización dos tramos pendentes da A-54 que conectarían por autovía Melide con Santiago de Compostela e Lugo. O noso municipio é actualmente o único do trazado que non conta con ningún tramo de autovía operativo. O Pleno de Melide reclama celeridade na materialización desta importante infraestrutura de comunicación independentemente do grupo político que se atope á fronte do Goberno do Estado.
Na súa intervención sobre este asunto, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, afirmou que o interese de Melide é “independente de quen goberne” España. “Necesitamos que se cumpran os tramos, tanto o de Palas-Melide como Arzúa-Melide”, defendeu. “Necesitamos que esta autovía se faga canto antes e polo goberno que sexa”, resumiu, engadindo que “é fundamental que todos os grupos políticos cheguemos a acordos nestas cuestións fundamentais para a vertebración do centro de Galicia”.