- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O proceso de selección para o obradoiro “Natureza no Camiño de Santiago” axústase á normativa vixente, lembra o Concello de Melide
30/09/2022. O equipo de selección para esta formación laboral está integrado por persoal técnico dos concellos participantes. A proposta de alumnado e profesorado parte do Servizo Público de Emprego Estatal. O Concello lembra que a documentación do proceso é pública e está á disposición de todos os grupos políticos.
MELIDE 30 de setembro de 2022.- O Concello de Melide lembra que o proceso de selección de persoal para o Obradoiro de emprego Melide-Arzúa-Toques-Santiso “Natureza no Camiño de Santiago” estivo regulado en todo momento conforme ao disposto na normativa da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal. O proceso levado a cabo rexeuse con criterios de transparencia e de acordo co legalmente disposto.
Neste sentido, a Administración local recorda que o tribunal de selección está conformado por persoal técnico dos catro concellos participantes que levan a cabo o proceso selectivo a partir dunha proposta inicial do SEPE e conforme coas bases e baremos establecidos. Os criterios do SEPE para a escolla de persoas candidatas contemplan que estas teñan 18 ou máis anos de idade, que se atopen en situación de desemprego e conten con título da ESO e nivel de cualificación 2 ou 3. Téñense en conta igualmente criterios como as dificultades de inserción social e outros que valoren igualmente a situación social das persoas. Poden ser as propias persoas candidatas quen soliciten a súa inclusión na proposta.
No tocante ao persoal docente e administrativo do obradoiro, os criterios inclúen que se atopen en situación de desemprego, valorándose positivamente que xa fosen docentes en obradoiros previos.
No caso de Melide, o SEPE seleccionou 21 persoas para conformar o alumnado, das cales 16 entregaron a documentación pertinente, presentándose unicamente 11 persoas ás probas de selección. Do mesmo modo, á hora de escoller profesorado, non todas as persoas propostas polo SEPE acreditaron a documentación nin se presentaron ás probas. Esta situación é frecuente en procesos de selección e non pon en dúbida a limpeza do proceso.
Por último, o Concello lembra que o expediente relativo a este proceso selectivo atópase a disposición da oposición para a súa consulta na Casa do Concello. Neste expediente recóllese toda a documentación relativa a cada paso do proceso, como son as actas de selección do alumnado e profesorado.
O Concello de Melide reitera o seu compromiso coa transparencia na xestión pública, un dos obxectivos definidos para o presente mandato.