Novas

Máis novas

Melide aproba os orzamentos 2022 e unha nova Relación de Postos de Traballo.

04/08/2022. O Pleno ordinario celebrado onte aprobou uns orzamentos expansivos destinados a mellorar a prestación de servizos e unha nova RPT que adecúa o organigrama municipal á realidade melidense.

O Pleno Ordinario aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo logo de efectuados todos os trámites estipulados despois da aprobación inicial.

A proposta foi aprobada inicialmente na sesión plenaria do 1 de decembro de 2021, e someteuse a información pública con posterioridade durante o prazo legal de 20 días tras ser publicado no Boletín Oficial da Provincia.

A nova RPT substitúe un documento vixente dende o ano 2006 e foi aprobada pola mesa de negociación na que están todos os grupos da representación sindical do persoal municipal. A través deste novo marco reitor, o traballo diario da Administración adecuarase ás dinámicas esixentes e cambiantes do actual Melide.

En relación coa súa antecesora, a nova RPT opta por incluir todos aqueles postos de traballo estrutural que satisfán necesidades permanentes do Concello. Tamén consagra a funcionarización dos postos de traballo do persoal laboral, como é o caso dos postos de traballo social, a educación familiar ou os técnicos de administración xeral e urbanística. A nova RPT elimina prácticamente a totalidade das desigualdades existentes entre traballadores e facilita a organización do persoal do Concello o que supón unha modernización da administración.

En canto as contas para o exercicio 2022, aprobadas tamén na sesión plenaria de onte, medran ata os 7.300.000€. O Concello continúa cuns orzamentos expansivos destinados a mellorar a prestación de servizos e a situación do municipio.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp