Novas

Máis novas

A Medalla de Ouro de Melide recoñece nas Festas de San Pedro o persoal que traballou en primeira liña contra a pandemia

29/06/2022. As festas de San Pedro celébranse hoxe, mércores 29 de xuño, co pasarrúas de Herba Grileira, a tradicional procesión e o concerto da Banda da Escola de Música de Visantoña, alén da entrega de medallas. Os colectivos distinguidos comprenden o persoal da área sanitaria, o persoal de dependencia e axuda a domicilio, o de obras e servizos, as forzas de seguridade, o profesorado e alumnado dos centros de ensino, os traballadores do sector privado máis afectados pola carga de traballo da pandemia e os servizos sociais municipais.

MELIDE 29 de xuño de 2022.-  Melide celebra hoxe as festas de San Pedro con varias actividades e un especial recoñecemento para o persoal que traballou en primeira liña para minorar os efectos da pandemia de COVID-19. Deste xeito, a Medalla de Ouro de Melide recoñece na súa edición de 2022 a varios colectivos profesionais e sociais. Debido ao elevado número de profesionais a condecorar, a máxima distinción do Concello de Melide será exposta na entrada do consistorio xunto cunha placa conmemorativa do acto.

O Concello de Melide fixo pública unha declaración institucional con este motivo. A mesma foi asinada polos representantes de todos os grupos políticos representados no Concello.

A declaración sinala como galardoados polas medallas deste ano ao persoal sanitario da área sanitaria melidá, así como o persoal de coidados, axuda a domicilio e dependencia municipal e das residencias da terceira idade de Melide. Recoñece tamén o persoal de obras e servizos polos seus labores de desinfección de espazos públicos, así como as forzas e corpos de seguridade como a Policía Local, Protección Civil e mais a Garda Civil. As medallas premian tamén o traballo, recolle a declaración, do persoal docente e alumnado dos centros educativos, e das e os dependentes de supermercados, farmacias e comercios, así como perruquería, servizos funerarios, medios de comunicación, estancos e quioscos. Por último, resulta tamén galardoado o equipo técnico dos servizos sociais municipais e todas aquelas persoas, empresas e institución que contribuiron a loitar contra a pandemia.

O Concello recoñece a todos estes colectivos a súa entrega e especial exposición aos efectos da pandemia.

Actividades das festas de San Pedro

A entrega de medallas levarase a cabo durante a celebración das festas de San Pedro, patrón de Melide. As celebracións deste ano arrincarán co pasarrúas do grupo de gaitas Herba Grileira e unha misa solemne na Igrexa Parroquial ás 13h. A continuación terá lugar a procesión.

Xa pola tarde, a Banda da Escola de Música de Visantoña ofrecerá un concerto. Será ás 20:30h na Praza do Convento.

 




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp