- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
O servizo Madrugadores pecha o seu primeiro curso facilitando a conciliación das familias de 25 nenas e nenos de Melide.
27/06/2022. Madrugadores funcionou durante todo o curso escolar nos tres centros educativos do municipio. Foi utilizado mensualmente por preto de 25 nenas e nenos, deixando un balance moi positivo desta primeira edición. Grazas á súa implantación deuse resposta a unha reclamación da comunidade escolar. O Concello abre a inscrición do vindeiro curso o próximo 1 de xullo.
MELIDE 23 de xuño de 2022.- O primeiro curso de funcionamento do servizo Madrugadores chegou á súa fin cun balance moi positivo para a conciliación entre a vida familiar e laboral das familias de Melide. O programa, posto en marcha polas concellerías de Igualdade e de Educación, permitiu facilitar a conciliación ás familias dunha media de 25 nenas e nenos ao mes pertencentes aos tres centros educativos.
Este servizo permitiu ás pais e nais levar as nenas e nenos ás 7.30h ao centro educativo, de modo que fose máis doado conciliar a vida familiar coas obrigas laborais. A implantación novidosa do programa en Melide permitiu dar resposta a unha ampla reclamación da comunidade escolar que viña de vello.
Inscricións para o próximo curso
O prazo de inscrición para o curso 2022/2023 deste servizo educativo complementario abrirá o vindeiro 1 de xullo e estenderase ata o 15 do mesmo mes. Débese solicitar no Rexistro do Concello, na Praza do Convento nº5 (teléfono 981 50 57 06). O custe de servizo é de 40 euros mensuais ou 4 euros por uso esporádico (incluíndo almorzo, nos CEIP Nº1 e CEIP Mestre Pastor Barral), e de 30 euros mensuais ou 3 euros por uso esporádico (CEIP Martagona, servizo sen almorzo).
A documentación necesaria no momento do rexistro inclúe, ademais da propia solicitude, o DNI ou equivalente da persoa responsable; o libro de familia; a tarxeta sanitaria ou documento equivalente da nena ou neno; un certificado médico en caso de alerxias ou intolerancias; os documentos que sexan necesarios para acreditar o dereito a bonificacións ou exencións, e o certificado bancario do número de conta.