- Novas
- Axenda
- Perfil de contratante
- Convocatorias
- Avisos e bandos
- Ordenanzas
- Melide en imaxes
- Facturación electrónica
- Pago provedores
Novas
Melide estabilizará case 30 prazas de persoal laboral temporal
30/05/2022. A Xunta de Goberno local remite á Mesa Xeral de Negociación a relación de 29 prazas coas que Melide cumprirá coa Lei 20/2021. Ademais, o órgano de goberno acorda adxudicar as obras da Rúa Campo Grande, uns traballos que se estenderán durante medio ano para humanizar e mellorar este vial.
MELIDE 30 de maio de 2022.- A Xunta de Goberno Local de Melide aprobou na súa xuntanza do 26 de maio avanzar na consolidación e estabilización de prazas de persoal laboral co obxectivo de reducir a temporalidade no emprego público ao abeiro da Lei 20/2021. Deste xeito, o alcalde, José Manuel Pérez, asinou unha resolución pola que dá conta á Mesa Xeral de Negociación da relación de prazas a incluír na Oferta de Emprego Público para a Estabilización de Emprego Temporal. Esta listaxe recolle 29 prazas de profesorado do conservatorio, locución na radio municipal, animación deportiva ou cultural e profesionais do CIM, entre outras. A Secretaría e a Intervención Municipal deberán emitir agora informe para a elaboración da proposta de acordo definitiva.
Mediante esta estabilización laboral, Melide cumprirá co compromiso dun emprego estable e de redución da temporalidade na Administración pública. Deste modo o Concello reducirá o peso do persoal interino. A oferta de emprego público que articula este proceso de estabilización do emprego estará aprobada antes do vindeiro mércores, 1 de xuño.
Reforma e humanización da rúa Campo Grande
Na mesma reunión da Xunta de Goberno local ficou aprobada a adxudicación da obra de reforma e posta en valor da Rúa Campo Grande. Esta obra, incluída no POS+ ADICIONAL 1/2019 foi adxudicada á empresa Construcións Leonardo Miguelez SL por preto de 261.000 euros, o que supón unha baixa de máis de 37.000 fronte ao prezo de licitación.
Os traballos estenderanse durante seis meses e incluirán a renovación do firme da rúa e a humanización e mellora da accesibilidade da mesma. Desta forma, o pavimento peonil e o destinado ao tráfico situaranse na mesma altura, co espazo de cada un debidamente sinalado.
Tamén se levará a cabo unha nova obra de separación de saneamento e pluviais, renovándose a rede de abastecemento e instalándose unha canalización común soterrada para telecomunicacións, subministro de electricidade e iluminación.
No espazo libre á entrada da rúa instalarase un banco de pedra, árbores e mais un posto de iluminación. Ademais instalarase un elemento que agoche as infraestruturas destinadas á recollida de residuos.
Este proxecto ten en conta o traballo da Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés que procura potenciar a imaxe corporativa mediante a fixación de elementos comúns nas obras do Camiño xacobeo.