Novas

Máis novas

A presentación de “Cuando nada vale nada” do melidense Pedro Santiago abre este domingo as celebracións do Mes do Libro en Melide

09/04/2022. O Concello de Melide desenvolverá actividades relacionadas coa lectura durante todo o mes de abril en conmemoración do Mes do Libro. Deste modo, ás actividades de dinamización da lectura que se desenvolverán nos centros educativos sumarase a presentación da novela “Cuando nada vale nada” do melidense Pedro Santiago e a celebración do Día do Libro na Biblioteca Xosé Vázquez Pintor.

MELIDE 8 de abril de 2022.- O Concello de Melide estenderá durante todo o mes de abril as actividades en conmemoración do Día do Libro, efeméride internacional que se celebra o día 23. Así, o Concello anunciou hoxe que se desenvolverán actividades de dinamización da lectura para o alumnado dos centros escolares. Do mesmo modo, presentarase a novela “Cuando nada vale nada”, do melidense Pedro Santiago, e representarase un espectáculo de narración oral na Biblioteca Xosé Vázquez Pintor o xoves 21 e o venres 22.

A primeira das actividades será xa que logo este domingo, 10 de abril, ás 18h no Centro Sociocultural Mingos de Pita de Melide. O melidense Pedro Santiago presenta a súa primeira novela, “Cuando nada vale nada”. Santiago, nado en Melide en 1980, exerceu no ámbito do deseño e amoblamento e no da extinción de incendios e salvamento, desempeñándose actualmente como profesional do Servizo de Emerxencias en Oleiros (A Coruña). Dende idade temperá foi afeccionado á lectura e á música, callando a primeira destas paixóns nesta primeira novela.

Actividades escolares

O Mes do Libro continúa co Programa de Dinamización Lectora na Biblioteca orientado ao alumnado de 2º e 3º Ciclo de Primaria dos CEIP Mestre Pastor Barral, Martagona e Público Nº1 de Melide. En cada sesión de dinamización cultural ofrecerase ás nenas e nenos participantes a realización dunha búsqueda, ao modo dun xogo de tarefas onde as e os participantes van coñecendo a biblioteca (coas súas salas, fondos bibliográficos, recursos informáticos ou distribución espacial). Durante a sesión realízanse probas con temáticas específicas adaptadas a cada idade, onde se intercalan os obxectivos marcados coa búsqueda de momentos lúdicos.

Cada xogo comeza cunha breve presentación por parte do persoal educador e animador, quen explican a temática do xogo e supervisan o desenvolvemento da sesión. As nenas e nenos, distribuídos en grupos de 6 ou 7 participantes, móvense de forma autónoma polo espazo da biblioteca, resolvendo os retos formulados. Posteriormente, faise unha posta en común onde as nenas e nenos participantes dan conta dos seus descubrimentos.

As temáticas para cada ciclo educativo adáptanse ao nivel educativo das e dos participantes e relaciónase con algún tema de interese para a súa actual etapa educativa. Deste modo, en 2º Ciclo de EIP a temática será Atopando a Verne. O xoves 28 de abril participará o alumnado do CEIP Mestre Pastor Barral, mentres que o 5 de maio será a vez do do CEIP Martagona. O alumnado do CEIP Nº1 desenvolverá a súa sesión o venres 13 de maio.

En canto ao 3º Ciclo de Educación Primaria, a actividade levará por título A Ruta dos Descubridores. O mércores 20 de abril tocaralle ao alumnado do CEIP Mestre Pastor Barral, mentres que será a quenda do do CEIP Martagona o venres 29 de abril. O venres 6 de maio levarán a cabo a actividade as nenas e nenos de 6º curso do CEIP Nº1. O xoves 12 de maio pecharán a actividade as cativas e cativos de 5º do mesmo centro.

Pola súa banda, a Biblioteca Xosé Vázquez Pintor acollerá a súa propia actividade na fin de semana do Día do Libro. O espectáculo Rosa Caramelo e outras historias de Talía Teatro leva ás nenas e nenos unha sesión de narración oral onde se dan a volta aos estereotipos de xénero. Na función cóntanse catro historias da autora italiana Adela Turín que axudan a desmontar ideas impostas e simplificadas, pero fortemente asumidas, sobre as actitudes e aptitudes das mulleres e os homes. O xoves 21 de abril haberá dúas sesións. O alumnado de infantil do CEIP Nº1 asistirá á das 10h e o do CEIP Martagona ás 12h. Ao día seguinte, ás 10.30h, será a quenda das alumnas e alumnos de infantil do CEIP Pastor Barral.

A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, amosou a súa satisfacción por “un completo programa que pon en valor o talento literario da nosa veciñanza e que busca desenvolver dende idades temperás o amor pola palabra escrita”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp