Novas

Máis novas

O Concello de Melide eleva a 80.000 euros as subvencións nominativas a asociacións locais en 2021

21/12/2021. O Concello de Melide destina en 2021 80.000 euros ás subvencións nominativas para gastos de asociacións locais. A partida increméntase case un 20% dende os 67.000 euros de 2020.

MELIDE 21 de decembro de 2021.- O Concello de Melide anunciou hoxe que as subvencións nominativas para os gastos xerais de asociacións locais acadarán en 2021 a cifra de de 80.000 euros. Isto supón un incremento de arredor dun 19% fronte á cantidade de 2020, que era de 67.000 euros, consolidando un incremento interanual constante nos últimos exercicios.

Estas subvencións axudarán a afrontar gastos xerais a arredor dunha quincena de asociacións do municipio, dedicadas a actividades diversas. Así, inclúense tanto entidades que levan a cabo acción social como promoción cultural, así como dos ámbitos do comercio ou os deportes. Esta convocatoria e o incremento das cantidades supón unha aposta do Concello de Melide por facilitar a actividade diaria destas entidades, máis forte aínda nun contexto social, sanitario e económico marcado pola COVID-19.

A lista de asociacións beneficiadas por estas subvencións, con base nos orzamentos 2021, inclúe a Cáritas parroquial de Melide (9.000 euros), en acción social. En promoción cultural, destínanse 4.000 euros para a Coral Polifónica de Melide, e as mesmas cantidades para a Asociación Cultural Charamela, para a Asociación de mulleres rurais da comarca de Melide Alecrín e para Herba Grileira, respectivamente. O Museo da Terra de Melide recibe unha subvención nominativa de 8.000 euros e a Asociación Catasol outra de 2.000.

As asociacións comerciais ASETEM recibe 4000 euros de subvención nominativa, a fin de posibilitar o seu labor no tecido económico.

Por último, ata sete asociacións deportivas de Melide reciben tamén subvencións nominativas para gastos. A Escudería Melide MotorSport, a Asociación Deportiva Cerne e mais a Asociación de cazadores Terra de Melide reciben 4.000 euros cada unha. O Fútbol Club CIRE de Melide terá unha axuda de 20.000 euros. Pola súa banda, o Club Melide Fútbol Sala e o Club Ciclista Melidense reciben 2.000 euros cada un. Por último, Melide Veteranos recibe 1.000 euros.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp