Novas

Máis novas

Arrinca a Liga de Fútbol Sala de Melide

02/12/2021. A Liga, significa a recuperación para os afeccionados en xeral dun dos deportes emblemáticos do municipio a través dunha competición que xa conta con 7 equipos. Os partidos xogaranse cada mércores entre as 20.30h e as 23h no pavillón polideportivo municipal

MELIDE 2 de decembro de 2021.- A Liga de Fútbol Sala de Melide arrincou no día de onte con 7 equipos conformados por xogadores de toda a comarca e concellos limítrofes. Recoñecida pola Federación Galega de Fútbol Sala polo seu carácter social e inclusivo, a Liga é a única competición local deste tipo amparada pola Federación en Galicia. Está aberta á participación de todas as persoas que así o desexen, con independencia do seu xénero e idade.

O concelleiro de Deportes, José A. Prado, amosouse satisfeito polo arrinque da competición e polo grande número de equipos participantes, especialmente para unha primeira edición. Prado lembrou como Melide e a súa contorna sempre albergaron unha importante tradición de Fútbol Sala e amosouse seguro de que a Liga “aínda vai ir a máis”.

A Liga de Futbol Sala de Melide concíbese como unha actividade deportiva que prima a diversión e o desfrute por riba da simple competitividade. Os partidos celebraranse cada mércores entre as 20.30 e as 23h no pavillón polideportivo municipal. Os equipos participantes reúnen xogadores de Melide, Palas de Rei, Sobrado dos Monxes e Santiso.

Eixes do deporte local

O edil de Deportes sinala que esta actividade constituirá outro dos “eixes do deporte en Melide” xunto coa liga de pádel, as andainas e as escolas deportivas. “Imos darlle a oportunidade a máis de 70 persoas de practicar deporte e divertirse cada mércores, coa garantía que nos dá a implicación da Federación”, defendeu o concelleiro.

José A. Prado salientou que esta actividade vai unirse á “ocupación continua” das instalacións do pavillón polideportivo municipal. “Entre as escolas deportivas, a Liga ou o propio ximnasio, estamos a rexistrar un nivel de uso sen precedentes das instalacións deportivas municipais”, asegurou. A reactivación do deporte local despois do impacto da COVID-19 afiánzase deste xeito “un paso máis”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp