Novas

Máis novas

O Concello de Melide inviste preto de 300.000€ nas obras de reurbanización do Campo Grande.

12/02/2021. A obra, financiada a través do Plan único supón unha mellora na estética e na reorganización da zona.

Melide, 12 de febreiro de 2021.- As obras de reurbanización do Campo Grande, en fase de licitación ata o vindeiro 1 de marzo, e que se realizarán este ano, incluirán a renovación do firme na totalidade da rúa, colocando ao mesmo nivel o pavimento rodado e o peonil, distinguindo o espazo entre ambos. A obra ter por obxectivo reorganizar a vía e humanizar e mellorar este espazo público, acadando unha mellor accesibilidade e mellorar a estética.

Por outra banda, realizarase unha nova rede separativa de saneamento e pluviais, renovarase a rede de abastecemento e incorporarase unha canalización común para instalacións de telecomunicacións, subministro eléctrico e iluminación, que quedarán soterradas.

Ademais, no espazo libre que hai ao comezo da rúa Campo Grande instalarase un banco de pedra, árbores, un poste de iluminación e un elemento de ocultación das infraestruturas de recollida de residuos.

Para a redacción do proxecto tomouse como referencia o traballo desenvolto pola Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés para potenciar a imaxe corporativa coa fixación de elementos comúns nas intervencións no Camiño de Santiago.

A obra, financiada a través do Plan único, conta cun orzamento de 298.248,50 euros.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp