Novas

Máis novas

O Concello de Melide presenta a súa programación para conmemorar o 25N

03/11/2020. A Concellería de Política Social do Concello de Melide vén de presentar un amplo programa de actividades para conmemorar o “Día internacional contra a violencia de xénero” que ten data fixada no calendario o vindeiro 25 de novembro

MELIDE 3 de novembro 2020.- O Concello de Melide, a través da súa Concellería de Política Social organiza diferentes actividades ao longo do mes de novembro para conmemorar o “Día internacional contra a violencia de xénero”. Así o deu a coñecer hoxe a responsable de área, Carmen Liñeira, quen puxo sobre a mesa todas as iniciativas que se levarán a cabo durante os próximos días para tratar de concienciar grandes e cativos sobre un problema que cada vez se fai máis latente na nosa sociedade e que convén erradicar canto antes.

O programa de actividades comezará hoxe martes 3 de novembro cun curso especializado dirixido ao persoal policial do Concello de Melide co obxetivo de reforzar a formación dos e das profesionais implicados na prevención, atención e integración das vítimas de violencia de xénero. Este curso continuará o 4, 10 e 11 de novembro en horario de tarde.

A seguinte actividade será o luns 9 de novembro e terá lugar no IES da vila onde o alumnado asistirá a un obradoiro onde se traballará sobre un texto que escribiu Rosalía de Castro no 1858 , texto considerado o primeiro manifesto feminista. De dito obradoiro dirixido por Cristina Collazo da compañía A Cova das Letras saíra as accións e localizacións para a realización dunha peza audiovisual. O resultado desta actividade poderá ser visionado pola veciñanza a través das redes sociais do Concello de Melide

Coincidindo coa data no calendario do 25 de novembro, a radio municipal terá unha programación especial para dar visibilidade a unha lacra que continua presente na nosa sociedade. A maiores da lectura dun manifesto ao que poñerán as voces as mulleres da vila tamén se realizarán actividades para concienciar sobre a problemática da violencia de xénero.

ADHESIÓN ÁS CAMPAÑAS “MELIDE EN NEGRO” E “DE FRONTE Á VIOLENCIA DE XÉNERO”

Como acontecía o ano pasado, o Concello de Melide formará parte de novo este ano da campaña “Melide en negro”, onde por medio de carteis os centros educativos e os comercios locais amosarán a súa repulsa á violencia de xénero. “En negro contra as violencias” é unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas. “Melide en negro” volverá un ano máis a vestir a vila de loito, en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia, e como resposta a máis dura das súas consecuencias, a morte.

Como novidade, este ano o Concello de Melide asinou a súa adhesión á campaña da deputación provincia “De fronte contra a violencia de xénero” unha campaña e programa de actividades que apela directamente a implicación dos Concellos da provincia, estendendo o chamamento á acción a calquera outra entidade do tecido social, educativo e empresarial, familias, etc.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp