Novas

Máis novas

Nova campaña de recollida de plásticos nas parroquias

10/10/2018. O Concello organiza os días 15 e 16 de outubro unha recollida de plásticos agrícolas nas parroquias. Dada a complicada reciclaxe destes plásticos e debido a súa alta contaminación dende o ente local dan luz verde a esta acción

MELIDE 10 de outubro de 2018.- O Concello de Melide a través da súa Concellaría de Medio Ambiente desenvolverá unha campaña de reciclaxe de plásticos agrícolas establecendo un calendario de recollida por todas as parroquias. Será os días 15 e 16, luns e martes da semana que vén.

Milleiros de quilos de plásticos agrícolas serán tratados para a súa reciclaxe grazas a  unha iniciativa do Concello de Melide e que ten por obxectivo eliminar estes restos, fundamentalmente agrícolas, dos vertedoiros ilegais e dos contornos domésticos.

O amoreamento de plásticos procedentes de silos agrícolas e doutras tarefas do campo resultan un problema de difícil solución para os labregos, dada a difícil capacidade de deterioro destes materiais. Por iso, e para evitar o amoreamento de plásticos en vertedoiros incontrolados ou provocando contaminación visual a carón dos domicilios e explotacións gandeiras, o Concello de Melide promove unha campaña de recollida de plásticos agrícolas establecendo un calendario para todas as parroquias. 

Un vehículo encargarase da recollida destes materiais, que os veciños, informados por un bando municipal, irán depositando nos lugares de costume das distintas parroquias. 

Dende o Concello de Melide, faise especial fincapé en que só se depositen nestes lugares plásticos de silo e non envases de plástico, xa que estes dous residuos teñen procesos de reciclaxe diferentes e polo tanto non se poden mesturar. 

A alcaldesa de Melide, Dalia García, amosa o seu agradecemento á veciñanza que como é habitual colabora sempre con este tipo de campañas que se promoven dende a concellería de Medio Ambiente a prol da reciclaxe e o coidado do entorno.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp