Novas

Máis novas do Concello de Melide

Outubro cultural e teatreiro na Casa da Cultura de Melide

15/10/2016. O Concello de Melide organiza un outubro cheo de actividades culturais para cativos e maiores co fin de ofrecer un programa atractivo para todas as idades. Este domingo ás 18.00 h da tarde proxectarase o filme infantil “Free Birds” na Casa da Cultura, con entrada de balde.

O ciclo de teatro da Asociación Cultural Charamela organizado para todos os fins de semana do mes de outubro, o desfile de moda do comercio local, e o ciclo de cine organizado pola concellería de cultura que dirixe Dolores Gómez, son algunhas das opcións de ocio cultural que se barallan en Melide para este fin de semana. Todos os domingos de outubro e o primeiro de novembro (día seis de novembro) ás 18.00 h proxectarase filmes para público infantil, “Free Birds” este domingo, “Aviones, Equipo de rescate” o día 23 de outubro, “Campanilla, Hadas y Piratas” día 30 e por último “Cars 2” o día 6 de novembro.

En conxunto, o ciclo de teatro da Asociación Charamela levará hoxe a cabo a representación de “Zi muller, que somos parvas” da man do Estudio Teatro Casa Hamlet da Coruña na Casa da Cultura da vila ás 21.00 h. Quedan para o remate do mesmo outras dúas actuacións, “O reparto” da man do grupo O bordelo de Cervo e por último “Se o sei…non volvo á casa” da propia asociación. Con esta programación cultural, trátase de dar dinamismo á vila durante os meses de outono desfrutando do bo facer das asociacións locais, e ao mesmo tempo, ofrecer un ocio para o público infantil acorde coas necesidades lectivas do curso escolar.



Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp