Novas

Máis novas do Concello de Melide

O Concello de Melide promocionará os seus doces tradicionais no Fórum Gastronómico da Coruña

Os doces tradicionais de Melide, melindres, ricos e améndoados estarán presentes nesta cita que se celebrará o vindeiro 12, 13 e 14 de marzo. Melide contará coa colaboración da Asociación de Repostería Tradicional “Melide, Terra Doce”
DocesTradicionaisMelidep
09/03/2017. Un ano máis, o Concello de Melide estará presente no Fórum Gastronómico que se celebrará en ExpoCoruña entre os días 12 e 14 de marzo como unha acción promocional da vixésimo sexta feira o Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide. O melindre, o rico e o améndoado estará representado entre os máis de 200 expositores que amosarán as últimas novidades da gastronomía galega na provincia.

Trátase de expoñer a calidade do produto ligado á terra, feito a man, de marcado carácter tradicional que posúe unha simbiose perfecta coa alta gastronomía actual. O doce será a proposta melidense, que en palabras de Luis Arias, concelleiro de promoción económica, “Os doces de Melide son especiais, tanto polo seu sabor exquisito como pola forma de elaboralos; o seu potencial de maridaxe coas técnicas de actualidade en gastronomía é infinito”. De aí a importancia de estar presente neste tipo de feiras, como un elemento promocional máis que o Concello aporta á Festa do Melindre, declarada festa de interese turístico no ano 2013. Os doces melidenses poderán atoparse no stand 155 baixo o nome da Festa do Melindre.

Concello de Melide e Asociación da Repostería Tradicional Melide Terra Doce acoden da man a este evento xa que se trata “dunha boa oportunidade para promocionar os nosos produtos e ao mesmo tempo dar a coñecer tamén a Festa do Melindre, que para nós é o máximo evento para difundir a existencia dos doces tradicionais de Melide”.

O stand da Festa do Melindre, contará nesta ocasión coa colaboración do alumnado do ciclo de Pastelería da Efa Piñeiral e a súa docente, Beatriz Sotelo, cunha Estrela Michelín, que estará presente no Forum e que axudará a promocionar os doces típicos de Melide. O alumnado a maiores de prestar axuda nas actividades de venda e degustación do producto, tamén realizarán un obradoiro no stand chamado #QueRico, que presentará unha degustación de sobremesa xeada con crumble a base de masa de rico melidense.

O Concello de Melide, a maiores de dar a coñecer aos asistentes os doces melidenses tamén aproveitará para divulgar a Festa do Melindre que se celebrará na localidade a segunda fin de semana de maio, como ven sendo tradicional e que este ano combinará o formato do ano pasado, con actividades programadas no eido da gastronomía e degustación o sábado e a festa propiamente dita, no formato tradicional o domingo.

Actividades Doces

Dende o colectivo levarán a cabo outras accións dentro do Forum Gastronómico para promocionar os doces tradicionais. O luns día 13 de marzo ás 13h do mediodía terá lugar no propio stand unha degustación maridaxe da repostería melidense xunto con Licores e Orujos de Galicia, coa bodega Viña Blanca do Salnés, dirixido pola etnóloga responsable desta bodega, Sonia Otero, tamén embaixadora da Festa do Melindre.

Do mesmo xeito, e continuando coa promoción dos melindres, ricos e amendoados, o martes día 14 terá lugar no espazo Ágora do Forum unha clase maxistral sobre a elaboración dos ricos, que correrá a cargo de Miguel Vila, xornalista gastronómico director da publicación BenBo e embaixador do Melindre. Ao final, a maiores de degustarse os ricos, tamén haberá posibilidade de probar os melindres e os amendoados. Os asistentes a esta actividade poderán coñecer os segredos da elaboración dos ricos, e gozar do sabor dos melindres e dos amendoados.

Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp