Novas

Máis novas

O Concello de Melide dá a coñecer o nome dos escaparates gañadores do concurso de Nadal

29/12/2020. O Concello de Melide, a través da súa Concellaría de Promoción Económica organizou este Nadal un concurso de escaparates no que participaron pretodunhatrintena de establecementos que encheron de luz e colorido as rúas da vila

MELIDE 29 de decembro 2020.- O Concello de Melide vén de facer público os escaparates gañadores do concurso de Nadal no que participaron un total de 28 establecementos locais que foron quen de ambientar as rúas da vila nunha época festiva que este ano se vive de xeito diferente por mor da pandemia sanitaria.

O xurado, composto por diferentes profesionais no ámbito da estética e na creación de espazos orixinais e creativos, xuntáronse na tarde de onte no salón de Plenos para deliberar a súa decisión. Entre os puntos que tiveron en conta para realizar as súas puntuacións atopábase a ambientación de Nadal, a complexidade na súa montaxe, a creatividade e orixinalidade así como tamén a súa estética, dotando a cada establecemento dunha identidade única.

O concurso de escaparates de Nadal de Melide establecía tres premios repartidos en dúas categorías: escaparate exterior e escaparate interior. Ámbalas dúas están dotadas dun primeiro premio de 600 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 150 euros. No correspondente aos gañadores do escaparate interior o primeiro posto foi para o establecemento Calzados Palancas, o segundo para Carnicería Cardelle e o terceiro para Peluquería Gómez Andón. No apartado de escaparate exterior o gañador foi Manualidades Creati, o segundo para Toysmaniatic e o terceiro para Mis Mejores Labores.

O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, Xosé Igrexas, congratúlase do éxito que tivo esta iniactiva novidosa, posta en marcha por primeira vez na vila. Ao mesmo tempo agradeceu a participación de todos os establecementos neste concurso que “foi quen de encher Melide de luz, cor e ambiente festivo durante estas datas, dando visibilidade ao comercio local e poñendo en valor os nosos productos neste Nadal”.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp