Novas

Máis novas

Peche de instalacións e suspensión de actividades por prevención fronte ao coronavirus

12/03/2020. A medida tomouse a raíz das recomendacións sanitarias lanzadas polos gobernos estatal e autonómico de cara a reducir ao mínimo as posibilidades de contaxio do coroavirus Covid-19. Suspendense tamén actividades para as vindeiras semanas

MELIDE 12 de marzo de 2020.- O Concello de Melide pechará dende esta tarde as instalacións deportivas e culturais municipais como medida de precaución fronte o coronavirus. Isto é, suspendense xa nesta tarde de xoves todas as actividades deportivas e culturais tanto infantís como de adultos.

A maiores, a instalación do centro social e as actividades organizadas para os usuarios e usuarias, quedan suspendidas ata novo aviso.  A escola infantil municipal tamén se pechará por precaución.

O goberno local considera que, se ben Galicia é unha das comunidades con menos contaxios confirmados, é necesario atender as medidas preventivas que recomendan adoptar tanto o Ministerio de Sanidade como o SERGAS para minimizar a propagación do virus.  O Covid-19 contáxiase por vía aérea ou por contacto con persoas infectadas, razón pola que desde os primeiros casos detectados os esforzos sanitarios céntranse na contención dunha enfermidade que, ao parecer, cursa con tose, febre e problemas respiratorios. Seméllase a unha gripe e, igual ca ela, pode causar serias complicacións en persoas de idade avanzada ou que padezan outras patoloxías.

Por esta razón, dende o Concello de Melide aconséllase extremar a hixiene -lavar as mans a conciencia- e esbirrar contra o flexo do cóbado. Ademais, se se teñen síntomas -especialmente se se estivo en zonas de risco-, a recomendación é chamar ao teléfono gratuíto 900 400 116 habilitado pola Xunta para facilitar información sobre o coronavirus. Se se está nesa situación  -síntomas leves ou se se quere facer algunha consulta- non se debe acudir ao centro de saúde nin ao hospital e no caso de que o problema sexa máis grave, chamar ao 061.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp