Novas

Máis novas

A ximnasia de mantemento chega ao rural da man do Concello de Melide

25/10/2019. O Concello puxo en marcha este ano a actividade de ximnasia de mantemento nas parroquias. Unha iniciativa que pretende achegar ao rural melidense alternativas saudables e de ocio tamén aos lugares máis alonxados do casco urbano

MELIDE 25 de outubro de 2019.- Preto de medio centenar de veciños e veciñas que viven nas parroquias do rural de Melide practican xa deporte nos seus locais sociais.

Trátase dunha iniciativa que a Concellería de Política Social puxo en marcha a comezos do mes de outubro e que ten como obxetivo dar alternativas saudables nas diferentes parroquias onde os seus veciños moitas veces por falta de transporte ou falta de tempo para desprazarse á vila, non poden gozar das actividades das Escolas Deportivas e Culturais Municipais e da terceira idade. Na actualidade hai un total de sete grupos.

As sesións de ximnasia de mantemento constan dunha hora semanal e na maior parte dos casos o lugar onde se realiza é nos seus centros sociais. Esta iniciativa terá continuidade ata o mes de maio.

Trátase dunha actividade que goza de moito éxito por parte da veciñanza das parroquias e o Concello de Melide vai abrindo novos grupos dependendo das demandas dos veciños.

HORARIOS E LUGARES

A ximnasia de mantemento lévarase a cabo no centro social de Furelos ás 17.15h os luns, ás 20h en San Salvador e ás 21.15h no Meire. Os martes ás 17.15h en Moldes e ás 21 en Grobas, os xoves ás 20.30h en Maceda e os venres ás 10.30h en San Martiño das Varelas.

As persoas interesadas en participar tan só teñen que achegarse aos diferentes locais sociais das parroquias nas horas e días indicados. A actividade é totalmente gratuíta e non precisa de inscrición.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp