Novas

Máis novas

Descontos de ata o 70% na Noite Aberta do comercio melidense

24/06/2019. Asetem celebrou o pasado venres unha nova edición da Noite Aberta, onde os comercios asociados ofreceron descontos de ata o 70% e moitas sorpresas aos veciños e veciñas que participaron da festa nocturna do comercio de Melide

MELIDE 24 de xuño de 2019.-  O Centro Comercial Aberto Asetem de Melide (CCA-Asetem), organizou o pasado venres, unha nova edición da Noite Aberta; unha xornada repleta de descontos, sorpresas e numerosos premios que fixeron do comercio local melidense o lugar máis atractivo de toda a contorna para realizar as compras.
Este ano participaron un total de 26 establecementos entre os que se atoparon sectores como a moda e calzado para todas as idades, complementos, electrodomésticos, deporte, ópticas, saúde, entretemento para os máis pequenos, etc.
Xunto aos descontos de ata o 70 por cento, así como as ofertas de 2x1 e mesmo 3x1, repartíronse 1.000 euros en premios durante a xornada de compras, que nesta ocasión foi dende as cinco da tarde ata as doce da noite. Para iso, nos establecementos participantes entregáronse tarxetas rasca con cada compra que permitiron optar a diferentes agasallos directos así como aos premios dun sorteo que se celebrou ao remate da xornada.
Para participar no sorteo era necesario depositar as tarxetas rasca adquiridas durante a tarde, debidamente cumprimentadas, nunha urna situada no Cantón de San Roque. Foi a partir das 00.00 horas cando se procedou ao sorteo dos premios así como á entrega dos agasallos correspondentes. Entre os premios do sorteo houbo numerosos vales desconto, lotes de produtos locais ou un circuíto termal.
Como imaxe do Centro Comercial Aberto Asetem que é, a cantante e colaboradora televisiva Eva Iglesias tamén estivo presente nesta edición da Noite Aberta. A artista galega achegouse a Melide para visitar as diferentes tendas durante a xornada de compras e participar no sorteo final.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp